A maioría sindical desconvoca a folga na sanidade pública

A decisión adoptouse após o acordo para desbloquear a carreira profesional no ámbito do SERGAS
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de CC.OO,CSIF,Sanidad,SATSE,Sindicatos,UGT

A maioría sindical desconvoca a folga na sanidade pública

Os sindicatos CCOO, CSI-F, SAE, SATSE e UGT, que representan a maioría do persoal sanitario, confirmaron esta mañá nunha comparecencia de prensa conxunta que desconvocan a folga na sanidade pública prevista para os días 2 e 3 de novembro. O detonante desta decisión foi o acordo asinado do SERGAS para desbloquear a carreira profesional, que era un dos principais puntos de conflito coa Administración.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, explicou que se chegou a un acordo sobre cuestións «relevantes». Con todo, recoñeceu que «quedan materias importantes por abordar e non renunciamos a conseguir máis melloras».

Na conferencia de prensa, os voceiros da maioría sindical tamén rexeitaron a Lei de saúde de Galicia, que prevé a supresión de catro áreas sanitarias, fará desaparecer recursos e especialidades e abrirá de par as portas á privatización de servizos.

Unidade sindical

Por último, Ángel Cameselle desexou que a «unidade de acción» entre os principais sindicatos da sanidade pública continúe tamén nas próximas negociacións da mesa sectorial do ámbito.