Máis de 150 persoas celebran en Compostela a primeira década de vida da Federación Galega de Dano Cerebral

O torneo de boccia que estaba previsto substituíuse por un encontro cos campións Antonio Cid e José Manuel Prado.
Por o 17/06/2017 | Sección: Social
Máis de 150 persoas celebran en Compostela a primeira  década de vida da Federación Galega de Dano Cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral celebra hoxe en Santiago de Compostela, baixo un sol abrasador, o seu 10º Aniversario. Máis de 150 persoas, percententes a ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago de Compostela) foron chegando desde todos os puntos de Galicia a partir das once da mañá para esta gran Xuntanza de Persoas e Familias con Dano Cerebral Adquirido.

O programa tivo que ser reconfigurado por causa da calor; o Torneo de Boccia (un deporte adaptado creado especificamente para as persoas con discapacidade) anulouse para previr as peores consecuencias das altas temperaturas e substituíuse por un encontro cos campións

Antonio Cid e José Manuel Prado. FEGADACE conseguira confirmar a presenza de ambos deportistas paralímpicos esta semana. Estaba previsto que apadriñaran ás persoas con dano cerebral adquirido (DCA) na práctica da boccia, trasmitíndolles a súa dilatada experiencia.

O torneo, que tamén estaba incluído na programación da Festa do Deporte do Concello, substituíuse por un encontro no que Cid e Prado puideron achegar igualmente ás persoas con DCA e ás súas familias a dinámica de xogo da boccia, e como é un campionato do máis alto nivel deportivo.

Antonio Cid (Ourense) foi medallista paralímpico en Barcelona 1992 (ouro), Atlanta 1996 (ouro), Sidney 2000 (prata) e Atenas 2004 (bronce). Foi galardoado coa Distinción ao Mérito

Deportivo de Galicia e coa Real Orden al Mérito Deportivo do Consejo Superior de Deportes, e atesoura un total de 112 medallas obtidas en competicións deportivas. José Manuel Prado (O Carballiño) participou nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 e Rio 2016, e o ano pasado proclamouse por oitava vez Campión de España de boccia.

Lecer e relaxación á sombra

Tralo encontro, serviuse un aperitivo que estivo amenizado pola música dun DJ. A continuación, as máis de 150 persoas asistentes pasaron á carpa preparada para o xantar.

Antes de comezar a comida, o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, deu a benvida ás persoas asistentes sinalando que “hoxe é un día para celebrar e darnos os parabéns polos dez anos xuntos”. A continuación falou a concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela, Concha Fernández, que tamén deu os parabéns, lembrou que se formou con algunhas das profesionais das asociacións de dano cerebral, e agardou unha gran festa para “os próximos dez anos”.

A festa continúa arestora. Cando remate o xantar, vaise realizar un sorteo no que participan todas as persoas asistentes, e a sobremesa continuará, coa compaña do DJ, e co mesmo ambiente relaxado que as condicións do tempo permiten nesta xornada.

Na organización da xornada contouse coa colaboración e agasallos de Gadis, Feiraco, e Termas de Cuntis.

10º Aniversario

A Federación acada en 2017 a súa primeira década de vida e conmemóraa co lema ‘Pasiño a pasiño faise o camiño’. Son dez anos amodo, consolidando cada paso, sen estrés para previr o ictus, a 10 quilómetros por hora para evitar os accidentes de tráfico, freando cada causa de dano cerebral e cimentando cada avance na construción da Federación.

Ademais da reformulación do Foro de Familias -esta sería a súa sexta edición-, FEGADACE ten previsto celebrar os seus dez anos de vida con máis actividades ao longo do ano. Iranse anunciando a través da súa páxina web e redes sociais.