Máis de 200 establecementos da área de Vigo poderán beneficiarse das novas axudas para a mellora de instalacións

Entre as principais novidades, atópase o programa para remodelación de negocios de hospedaxe, con accións de accesibilidade, medidas para incrementar a calidade dos seus servizos, o aforro enerxético e a modernización das súas instalacións
Por o 12/01/2018 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Máis de 200 establecementos da área de Vigo poderán beneficiarse das novas axudas para a mellora de instalacións

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe en rolda de prensa as novas liñas de axudas de Turismo de Galicia para o ano 2018, que superan en conxunto os 5 millóns de euros. Programas de subvencións dirixidos ao sector turístico da Comunidade, ás entidades locais e a diversos colectivos que inclúen numerosas novidades e amplían o alcance da pasada edición.

Unha das novas apostas da Xunta de Galicia será o plan de renovación de establecementos de aloxamento, cun investimento de 500.000 euros dirixido a estimular, con ata o 35% do custo, a remodelación e modernización das súas instalacións, o que incrementará a calidade do servizo que prestan. No caso da área territorial de Vigo, máis de 200 establecementos poderán beneficiarse desta liña de axudas. Serán subvencionables accións de mellora de accesibilidade, a favor da excelencia ou de aforro enerxético a prol da sustentabilidade ambiental, entre outras.

No eido privado, tamén se incentivará a cooperación entre pequenos operadores, de xeito que deseñen e comercialicen produtos turísticos innovadores conxuntamente. A súa oferta deberá basearse en produtos que diferencian e enriquecen a Galicia como destino, como o Camiño de Santiago, a natureza, os balnearios, a enogastronomía, o turismo mariñeiro, a ruta das camelias, faros e praias salvaxes, patrimonio oculto ou santuarios máxicos. Tamén produtos dirixidos ao público familiar, ao turista sénior, unha oferta para xornadas de choiva, produtos temáticos para fins de semana ou centrados nos diferentes núcleos históricos.

Máis colaboración coas entidades locais

Para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia amplía os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros. A liña para melloras nas súas infraestruturas incrementase en 1 millón de euros ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.

Máis de 200 entidades locais beneficiáronse deles nos dous últimos anos. Agora, amplíanse os conceptos subvencionables, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, incluiranse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC) xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico.

O apoio dos concellos ás 117 Festas de Interese Turístico de Galicia -das cales 13 celébranse en concellos da área metropolitana de Vigo-, a súa promoción e difusión tamén forman parte das novas liñas de axuda. Igualmente, as subvencións para os 47 concellos declarados municipios turísticos de Galicia, entre eles Cangas, Baiona e Nigrán, de xeito que poidan reforzar o persoal das súas oficinas de turismo de xuño a setembro.

Premios Galicia Parabéns

Finalmente, esta ambiciosa convocatoria de axudas, que está publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 2 de febreiro, complétase coa cuarta edición dos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores; e coa segunda e terceira edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas de mellora, de conservación e de embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación.

Estes últimos contan con dúas categorías complementarias. A primeira premia iniciativas ou actuacións realizadas na última década para acadar unha mellora da paisaxe, integración adecuada de elementos como estradas, industrias ou canteiras ou a propia mellora estética. A segunda categoría recoñece os mellores proxectos de revalorización e embelecemento. O seu orzamento será de 200.000 euros para 2018 e 600.000 euros máis para o próximo ano.

Neste senso, López-Chaves destacou que con todos estes fondos, que superan os 5 millóns de euros, búscase “facer de Galicia un destino cada vez mellor, máis competitivo e de maior calidade”. “Queremos seguir afondando na desestacionalización da demanda e a diversificación da nosa oferta, de xeito que todos os galegos poidan experimentar os beneficios económicos, sociais e culturais que a actividade turística pode supoñer”, sinalou.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.