Máis de 2000 pacientes beneficiáronse do Plan galego de atención ao ictus durante o seu primeiro ano de funcionamento

O plan, posto en marcha en xuño de 2014, permite diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia
Publicado por o día 14/07/2017 na sección de Sanidad

Máis de 2000 pacientes beneficiáronse do Plan galego de atención ao ictus durante o seu primeiro ano de funcionamento

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou no Parlamento dos resultados do Plan Galego de Atención ao Ictus tras a súa posta en marcha, o 4 de xuño de 2016. O Plan permite diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia. O seu obxectivo é reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital, diminuír a demora na confirmación diagnóstica, adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente e coordinar a actuación entre os distintos profesionais.

Durante este ano activouse o Código Ictus en 2.237 ocasións. É dicir, máis de 2.000 pacientes foron atendidos nas primeiras catro horas e media dende que sofreron o ictus. A 418 deles practicóuselles fibrinolises intravenosas e a 128 trombectomías mecánicas.

Segundo explicou Almuiña, un dos aspectos máis salientables do Plan foi a creación dunha Central de Atención ao Ictus (CAI) para toda Galicia, coa que pode conectar calquera médico dun servizo de urxencias hospitalarias que atende a un paciente con ictus. Deste xeito, achégase a mellor atención ao paciente, independentemente do lugar no que se atope.

Colaboración cos colexios profesionais

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade destacou tamén hoxe a importancia da colaboración entre a Administración sanitaria e os colexios profesionais na loita contra a intrusión profesional, xa que son eles, dixo, os que asumen a función de defender os intereses lexítimos das profesións sanitarias.

Neste sentido, a Organización Médica Colexial fixo pública recentemente a creación dun observatorio para facilitar a información adecuada á poboación e evitar situacións enganosas relacionadas con este eido e coa publicidade irresponsable.

No Pleno do Parlamento, o conselleiro salientou que, segundo a información facilitada polos servizos de Inspección de Servizos Sanitarios, no período 2015-2017 realizáronse 30 actuacións relacionadas coa intrusión profesional, e que todas as reclamacións recibidas neste eido son atendidas.

Atención de cirurxía pediátrica no CHUO

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade falou da situación da cirurxía pediátrica en Ourense. Almuiña defende que o Servizo Galego de Saúde, e a Xerencia de Ourense, teñen como obxectivo irrenunciable ofrecer unha asistencia sanitaria segura e de calidade a todos os pacientes e cidadáns aos que presta servizos.O conselleiro remarcou que no caso da cirurxía pediátrica de Ourense prima tamén a calidade e a seguridade dos nenos atendidos, coa mellor organización e medios dispoñibles.

Por último, Almuiña destacou que o servizo compartido entre Vigo e Ourense fai posible que moitos casos poidan ser atendidos en Ourense, ás veces por profesionais que se desprazan desde Vigo para as intervencións, e desprazando a Vigo aqueles casos que pola súa complexidade requiren doutras instalacións ou equipos. A creación de servizos compartidos responde á necesidade de organizar a prestación dun servizo cos profesionais máis competentes.