Máis de 3.800 escolares de Vigo participan na campaña “Vigo recicla” para aprender a reciclar e manter limpa a cidade

Nunha unidade móbil convertida en escenario, Dinoseto e Dinosetiño representarán unha obra de teatro coas principais claves da limpeza e a reciclaxe.
Publicado por o día 24/04/2017 na sección de Educación,Medio Ambiente,Vigo

Máis de 3.800 escolares de Vigo participan na campaña “Vigo recicla”  para aprender a reciclar e manter limpa a cidade

Máis de 3.800 escolares de educación primaria de 43 colexios de Vigo participarán na campaña posta en marcha por FCC, empresa adxudicataria dos servizos de recollida de residuos, limpeza urbana e limpeza de praias da cidade de Vigo, e Contenur, empresa responsable do mantemento e limpeza dos colectores da cidade. Esta iniciativa, que este ano celebra a súa cuarta edición, ten por obxectivo ensinar aos máis pequenos a importancia de reciclar e manter limpa a cidade. A campaña deu comezo o pasado 22 de marzo e desenvolverase ata finais do mes de maio.

Dinoseto e Dinosetiño, xuntos na unidade móbil

Unha das novidades deste ano é que Dinoseto estará representado fisicamente por unha mascota viviente desta famosa personaxe e acompañado por Dinosetiño, un boneco articulado con voz que explicarán aos máis pequenos as principais claves da reciclaxe e a limpeza.

Dinoseto e Dinosetiño acudirán aos centros escolares a bordo dunha unidade móbil que se converterá en escenario e no que realizarán unha representación teatral na que interactuarán cos máis pequenos para que aprendan a importancia de Reducir, Reutilizar e Reciclar.

Nesta obra de teatro Dinoseto e Dinosetiño amosarán aos rapaces de segundo, terceiro e cuarto de primaria como se fai unha boa separación e así poder ter unha cidade fermosa e impa. Para isto, haberá unha mesa de comedor con diferentes elementos que terán que separar e enviar ao colector correspondente (azul, verde, amarelo ou orgánico). Os dous dinosauros falarán entre si e cos nenos para reciclar correctamente.

Aprender a ritmo de rap

Outra das novidades deste ano e que durante a representación aprenderán tamén a ritmo de rap como separar e reciclar para manter limpa a cidade. Esta é unha das estrofas da canción: “Leva unha bolsa, cando vaias comprar, e compra só quilo, que realmente vas usar, elixe produtos con poucos envoltorios, e as pilas que ti uses que se poidan recargar”

Dinoseto de Dinosetiño viaxarán acompañados dunha monitora que apoiará e reforzará as explicacións dos dous dinosauros. Ademais os nenos recibirán un agasallo con material didáctico e escolar entre os que se atopan un cómic, un quebracabezas e un bolígrafo, entre outros.

En palabras de Guillermo de Cal, delegado de FCC en Vigo, “queremos que as nenas e nenos de Vigo se convertan en auténticos heroes da reciclaxe dunha forma divertida e didáctica. Con esta campaña que inicia aos máis pequenos na responsabilidade do coidado e da limpeza da cidade esperamos que se conciencien cada vez máis da importancia da correcta separación dos distintos residuos e materiais para a conservación e protección do medio ambiente”.

Vigo Recicla

FCC é a empresa adxudicataria dos servizos de recollida de residuos, limpeza urbana e limpeza de praias da cidade de Vigo desde 1989 e forma parte da UTE Vigo Recicla, xunto con Contenur. Vigo Recicla conta cunha flota de 16 operarios e 14 vehículos.