Máis de 6.700 persoas están inscritas no Rexistro Galego de Instrucións previas

Por medio deste documento, unha persoa maior de idade, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou órganos
Publicado por o día 05/08/2017 na sección de Sanidad,Xunta de Galicia

Máis de 6.700 persoas están inscritas no Rexistro Galego de Instrucións previas

Un total de 6.750 persoas teñen formalizado a súa inscrición no Rexistro Galego de Instrucións Previas (datos dende a entrada en funcionamento en marzo de 2008 ata o 21 de xullo deste ano). Delas, o 63% son mulleres e o 37% son homes. Por medio do documento de instrucións previas, unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, coa fin de que esta se cumpra no momento en que chegue a situacións nas que non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos.

Por provincias, o 47% das persoas anotadas concéntrase na Coruña, seguida por Pontevedra co 32%, Lugo co 11% e Ourense co 9%. Por grupos de idade, o 35% das persoas que deciden inscribirse no Rexistro de Instrucións Previas teñen máis de 65 anos, o 33% sitúanse na franxa de idade de entre os 51 e 64 anos, o 27% entre os 31 e 50, e o 5% entre o 18 e 30 anos.

Observando a formalización do documento, do total dos 6.750 cidadáns inscritos, máis da metade -concretamente o 52%- formalizaron o documento ante testemuñas, o 28% das persoas formalizaron ante notario, e o 20% ante funcionario. Esta última opción está dispoñible desde xaneiro de 2015, e dende que está funcionando, máis do 50% dos outorgantes a elixen para formalizar o seu documento.

Procedemento de inscrición

As solicitudes de inscrición poden presentarse no Rexistro Galego de Instrucións Previas, que se atopa nos servizos centrais da Consellería de Sanidade en Santiago, ou en calquera das súas unidades, nos servizos de atención ao paciente/traballo social dos hospitais Arquitecto Marcide de Ferrol, Clínico de Santiago, da Barbanza, Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro en Vigo, e nas xefaturas territoriais provinciais da Consellería de Sanidade.

Toda persoa que o desexe pode dirixirse, ben de forma presencial ou telefónica, a calquera destas unidades, onde se lle proporcionará a información e axuda necesaria, tanto na elaboración do documento como nos trámites para a súa inscrición. Toda a información, direccións e teléfonos están a disposición dos cidadáns na páxina web.

Tamén se poderá depositar o documento nos rexistros oficiais ou mesmo nos centros do Servizo Galego de Saúde, que darán traslado para a súa tramitación no Rexistro Galego.

O documento de instrucións previas deberá estar formalizado ante tres testemuñas maiores de idade con plena capacidade de obrar, das que dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial, coa persoa outorgante. Tamén se poderá formalizar ante notario ou ante un funcionario do propio Rexistro Galego de Instrucións Previas ou dunha das súas unidades, sen necesidade da presenza de testemuñas.

Consulta na historia clínica electrónica

Os profesionais sanitarios poden consultar o documento de instrucións previas rexistrado a través da Historia Clínica Electrónica, para que sexa tido en conta naquelas circunstancias nas que sexa preciso. Así mesmo, o Rexistro Galego de Instrucións Previas sobre Coidados e Tratamento da Saúde está integrado no Rexistro Nacional para, deste xeito, contribuír a asegurar a eficacia deste dereito en todo o Estado. Polo tanto, as instrucións previas, con independencia da Comunidade Autónoma, poden ser coñecidas polos profesionais sanitarios aos que nese momento corresponda a responsabilidade da prestación da asistencia sanitaria.

Entre as funcións do Rexistro Galego están a de inscribir os documentos de instrucións previas, así como a súa substitución ou revogación, que se pode facer en calquera momento. Ademais de facilitar o coñecemento da existencia e o contido dos documentos inscritos aos profesionais responsables da asistencia sanitaria, custodian os mesmos.