Máis de 70 estudantes da ESO da provincia de Pontevedra participaron en obradoiros de prevención de violencia de xénero impartidos pola entidade ACADAR

Financiados pola Deputación de Pontevedra, estes obradoiros intentan detectar e erradicar situacións de violencia contra as mulleres con discapacidade.
Publicado por o día 21/12/2016 na sección de Deputación de Pontevedra,Social,Vigo

Máis de 70 estudantes da ESO da provincia de  Pontevedra participaron en obradoiros de prevención de  violencia de xénero impartidos pola entidade ACADAR

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia -ACADAR-, vén de rematar o Proxecto Formativo: “VIO7 -Ver para erradicar”, dirixido ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, da provincia de Pontevedra.

Este Proxecto, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo fomentar a detección e erradicación das distintas formas de violencia, en especial cara ás mulleres con discapacidade, un colectivo que segundo recollen as estatísticas oficiais, padece o dobre de situacións de violencia tanto física, sexual, psicolóxica e económica por parte das súas parellas que a as mulleres sen discapacidade.

Alumnado de 2º da ESO dos institutos Álvaro Cunqueiro de Vigo e Escolas Proval de Nigrán participaron nestes obradoiros nos que se impartiron un total de 14 sesións formativas, todas elas participativas e interactivas. Tanto o alumnado como o profesorado amosaron moito interese e un alto grao de participación nos diferentes obradoiros desenvolvidos.