Máis de catro millóns de euros para contratar melloras de vías, campos de fútbol e o programa familiar de menores

O Concello adxudicou a mellora lumínica das parroquias de Canicouva e Ponte Sampaio, dúas melloras nas parroquias de Lérez e Campañó, a mellora da contorna do IES Torrente Ballester e o mantemento de dúas ferramentas informáticas municipais
Por o 01/03/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Máis de catro millóns de euros para contratar melloras de vías, campos de fútbol e o programa familiar de menores

O Concello de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno Local extraordinaria a contratación de seis obras e o inicio de licitación doutras cinco por valor, todas elas, duns catro millóns de euros. Ademais, o Concello tamén aprobou nesa mesma Xunta a prórroga do Contrato da auga “polo tempo necesario, cun máximo de seis meses”.

As obras adxudicadas foron

• Adxudicación da mellora lumínica da parroquia da Canicouva e dos lugares de Acevedo e Rañadoiro, ambos en Ponte Sampaio, por valor de 195.415 euros á empresa Setga. A adxudicataria terá un prazo dun mes para executar a mellora, dende a sinatura do contrato, e incrementou en tres anos o mantemento da instalación que estaba fixado en cinco nos pregos.

Con esta actualización complétase o cambio a leds das parroquias de Ponte Sampaio e a Canicouva que suporán maior aforro enerxético, diminución de averías, menos CO2 ou a redución da contaminación lumínica. A seguinte parroquia pola que se continuará a substitución de luces leds será en Bora.

• Dous contratos de mantemento de ferramentas informáticas do Concello: as bases de datos por 13.729,87 euros/ano á empresa ASAC por catro anos máis a posibilidade de prórroga por dous máis; e o mantemento do xestor documental Alfresco por catro anos coa posibilidade de prórroga de dous máis, por valor de 91.581,51 euros polos catro anos, á empresa Queres tecnoloxías S.L.

• Outra adxudicación foi a rehabilitación do lugar da Fontaíña, na parroquia de Lérez, que realizará a empresa Covsa por 236.310 euros durante un prazo de catro meses. Ademais da rehabilitación total da vía, está previsto repoñer parte do saneamento, substituír a rede de auga nun tramo, mellorar a calidade das canalizacións existentes, e recollida de augas pluviais.

• Rehabilitación da vía que une Muíños e Ferreirós na parroquia de Campañó por valor de 75.500 euros, cun prazo de execución de tres meses e adxudicada á empresa E.C.Casas.

• Mellora da accesibilidade na contorna do IES Torrente Ballester. Foi adxudicada á empresa E.C.Casas por 240.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. A actuación ten por obxecto mellorar a mobilidade peonil na zona, acadar un espazo público de calidade e potenciar o acceso peonil ao aparcadoiro disuasorio próximo ao centro de ensino. As obras previstas afectan ás rúas Herminia Fariña Cobián, Pintor Virxilio Blanco, Pintor Manuel Colmeiro, Bibiano Fernández-Osorio Tafall e Pintor Urbano Lugrís.

Os cruzamentos da rúa serán elevados, a un único nivel, a modo dunha pseudopraza, o que dará aire a zona. Ampliaranse as beirarrúas, que no caso de Herminia Fariña obrigarán a deixar un único carril de circulación (de saída) no 1º tramo que vai dende a avenida de Vigo á rúa Pintor Manuel Colmeiro. No 2º, ata a rúa Pintor Virxilio Blanco quedará de dobre circulación, de distribución de tráficos no barrio.

As obras que inician o proceso de contratación son

• Logo de corrixir un erro nos pregos de licitación, volve a saír a contratación do proxecto do Parque Infantil de Campolongo por valor de 300.000 euros e tres meses de adxudicación. Logo deste atraso, o Goberno confía en que se poida executar o proxecto a finais do verán. O proxecto propón tres zonas diferenciadas: unha para menores de seis anos; outra para maiores de seis anos con elementos como tirolina ou un tobogán duns 6 metros de altura, e unha zona de estar.

• Unha ferramenta para poder facer a contabilidade de custes no Concello (é dicir, saber o custe efectivo de cada actuación de cada servizo municipal). Será de 70.180 euros e un prazo de implantación de 18 meses.

• O plan de atención familiar a menores, que até o de agora o xestionaba Meniños sae a contratación por 99.000 euros/ano cun prazo de catro anos e a posible prórroga de outro máis. É un plan que no ano 2016 (pendente de recibir a memoria de 2017) atendeu a uns 90 menores de 60 familias.

• Aprobación da contratación do proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Campañó por valor de 999.437,36 euros e un prazo de execución de 6 meses para construír un campo que cumpra os parámetros Fifa Quality. O Concello xa dispón dos terreos cedidos pola comunidade de montes para executalo.

• Aprobación da contratación do proxecto do campo de fútbol de Ponte Sampaio por valor de 1.397.120,20 euros e un prazo de execución de 6 meses.

O campo de Ponte Sampaio

A actuación en Ponte Sampaio é algo máis que a construción dun campo. É a recuperación de 15.000 metros cadrados, de todo o espazo que ocupa a instalación
deportiva actual para incorporala á Xunqueira como espazo de lecer e de praia.

Para iso o Concello comprou uns terreos de 11.000 metros cadrados próximos ao actual campo por 120.000 euros, onde se construirán as novas instalacións deportivas. O incremento do custe deste campo en relación aos anteriores débese a que hai que facer escavación e logo recheo da parcela do campo. No investimento tamén vai incluída a demolición do campo actual.
Proxéctase unha instalación de herba artificial e novas edificacións para vestiarios, aseos, cantina, bancada, enfermería e almacéns, así como a nova iluminación do campo e a urbanización de parte da parcela, moi próxima ao campo existente.

O campo de fútbol terá unha dimensións de 90 x 58 metros, coas bandas 93 x 61, e o pavimento deportivo deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións como o cumprimento da norma UNE-EN 15330-1:2014 e homologación do sistema para instalar marca FIFA recomended como da obra executada con nivel FIFA QUALITY.

En canto ás edificacións, trátase en realidade de dúas que envolven o campo, unha situada no linde oeste da parcela e outra no linde sur. A edificación situada no lado oeste intégrase na topografía adaptándose ao terreo e aos muros preexistentes, contando con cubertas vexetais. A edificación situada ao sur xoga coas referencias topográficas da parcela adoptando formas orgánicas que a relacionan coas outras edificacións, o terreo e os fondos. As dúas zonas ligadas ás edificacións independízanse para acoutar as zonas de público e de xogadores, así se dispoñen dous accesos que se especializan, o sur para publico ligado aos usos desta zona (cunha superficie de 326 metros cadrados) e o oeste para xogadores ligados á zona de vestiarios (cunha superficie de 295,30 metros cadrados). Propóñense solucións sinxelas, ordenadas, funcionais e, sobre todo, versátiles permitindo transformacións sinxelas de uso.