Máis de cincocentas persoas pasaron xa pola Mostra do Posible

Boa afluencia de persoas na primeira mañá do evento canguense.
Por o 07/10/2017 | Sección: Cangas,Cultura,Galicia
Máis de cincocentas persoas pasaron xa pola Mostra do Posible

Ás once da mañá de hoxe sábado abría as súas portas a Mostra do Posible, o encontro de colectivos e entidades da economía e os dereitos sociais que se está a celebrar en Cangas do Morrazo. Pronto as veciñas e veciños que paseaban pola zona comezaron a achegarse ata os postos dos diferentes colectivos, onde mantiveron animadas charlas e debates coas distintas voluntarias.

A xornada comezou coa presentación do Sistema Participativo de Garantía A Gavela, unha ferramenta que pretende servir como selo de calidade que permita identificar con facilidade os produtos agrícolas cultivados sen químicos engadidos, dun xeito respetuoso co medio ambiente e o entorno no que se levan a cabo estes cultivos, á vez que permite aos consumidores ter a garantía de que os alimentos foron producidos en condicións de traballo dignas e sen explotación das persoas.

A continuación fíxose a presentación da Revista Galega de Educación, promovida polo colectivo Nova Escola Galega. A RGE é xa unha veterana, pois naceu no ano 86. Actualmente edítase con periodicidade catrimestral e ten entre os seus principais obxectivos o impulso dunha “cultura achegada á terra” e facilitar “ferramentas de expresión escrita para os sectores sociais e profesionais que apostan polo modelo da escola pública”, á vez que achega diversas temáticas (socioloxía, psicoloxía, pedagoxía, etc) á comunidade docente galega.

Mentres as xentes de Cangas do Morrazo percorrían a exposición de postos informativos e se interesaba polos diversos colectivos, a poetisa Oriana Méndez foi a encargada de conducir a palestra sobre Situación Actual da Cultura Galega, xunto a representantes de organizacións culturáis galegas -Músicos ao Vivo, Primavera do Cine, Teatro Ensalle ou o colectivo cultural feminista 85C. Os artistas compartiron as súas experiencias e puxeron en común as dificultades -distintas, pero de raíz moi similar- que os aqueixan, facendo especial fincapé no feito de que no sector cultural abondan as subvencións nominativas que, como sinalou o representante de Músicos ao Vivo, “danse a dedo, cos problemas que iso conleva”. Do mesmo xeito, houbo unanimidade entre as poñentes ao sinalar que a burocracia os afoga cada vez que teñen que intentar acceder a algunha axuda ou contratación pública. Nembargantes, as convidadas coincidiron ao sinalar que “o sector cultural, malia ás dificultades, está moi vivo e constantemente nacen novos e ilusionantes proxectos proxectos.

A última palestra da mañá xuntou a representantes de diversos medios de comunicación galegos coma O Salto Galiza, A Rotonda TV, Galiza Contrainfo, Sermos Galiza e Novas da Galiza, que debullaron, dende as súas traxectorias máis ou menos amplas, a situación actual dos novos medios de comunicación e as oportunidades e perspectivas de futuro. As poñentes coincidiron en que os medios tradicionais –“sistémicos”, en palabras de Xabier Pérez, de Sermos Galiza, compartidas pola maioría da mesa– adoitan tratar a realidade galega dende unha noción periférica da mesma, unha tendencia que foi xermolo do nacemento dalgunhas destas iniciativas informativas. As poñentes tamén coincidiron en suliñar que a principal dificultade que atopan os novos medios ten que ver cos problemas para obter recursos económicos, “que nos obrigan a ter un concepto máis militante que profesional do traballo comunicativo”.

A mañá pechou cunha sesión vermú na que o músico Álvaro Muras amenizou o descanso co seu funk- jazz en directo.

En total, casi cincocentas cincuenta persoas pasaron pola Mostra do Posible esta mañá de sábado, na que o bo tempo levou á organización a celebrar todas as palestras e presentacións programadas en interior ao aire libre.

Para a tarde hai programadas dúas palestras sobre moeda social e finanzas, así como unha mesa redonda sobre a situación medioambiental en Galicia.

A organización da Mostra do Posible conta con acadar máis de mil visitas nesta primeira xornada, que se clausurará, ata mañá domingo ás 11.00, coa intervención poética “Dúas Gamberras e un Micro”, do colectivo feminista 85C e as actuacións musicais do artista underground Suso Cortegoso e a banda de Funk Brazil Love Affair.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.