Máis de cincuenta colectivos estarán presentes na Mostra do Posible de Cangas do Morrazo

Vintesete organizacións estarán na Mostra de Exposición e vinteseis colaborarán nas palestras, obradoiros e espectáculos de animación. A noite do sábado acollerá tamén concertos.
Publicado por o día 28/09/2017 na sección de Cangas,Cultura,Galicia

A Mostra do Posible, encontro de colectivos e organizacións da economía e os dereitos sociais que terá lugar en Cangas do Morrazo, pechou hoxe luns a inscrición de colectivos e organizacións que se darán cita na Mostra.

Serán un total de cincuenta e tres os colectivos que se achegarán ata a vila morracense os vindeiros días sete e oito de outubro para presentar e dar a coñecer o traballo que veñe realizando en áreas como a economía social, ecoloxismo ou novos modos de entender o urbanismo. Tamén participarán novos proxectos que apostan por outros xeitos de entender a comunicación e a cultura e diversos movementos sociais.

A Mostra do Posible conta con dous blocos diferenciados: o primeiro deles é a Feira de Colectivos, que se ubicará na Alameda Nova de Cangas, e na que vintesete organizacións colocarán postos informativos para achegar as súas propostas á cidadanía que visite a Mostra do Posible.

O segundo bloco integrará diversas palestras, obradoiros e eventos a cargo dalgúns dos colectivos asistentes. Entre elas, cabe destacar a mesa redonda “Outras formas de organizar a comunicación”, na que participarán medios como O Salto ─antigo Diagonal Periódico─ ou Galiza Contrainfo, ou a palestra “Situación dos Dereitos Sociais en Galicia”, na que participarán representantes dalgúns dos principais movementos sociais galegos como MODEPEN, SOS Meixoeiro, Marea Verde, PAH, Nós Mesmas, Faraxa ou Ceivar, entre outros.

As actividades da Mostra do Posible completaranse coas actuacións do músico Álvaro Muras e a intervención poética “Dúas gamberras e un micro”, a cargo do colectivo 85C. A noite do sábado acollerá tamén os concertos do cantautor underground Suso Cortegoso e a banda de funk Brazil Love Affair.

A Mostra do Posible está organizada pola Rede de Solidariedade Popular (RSP) de Vigo e conta coa colaboración e apoio do Concello de Cangas do Morrazo e a Asociación Cultural A Tiradoura, que cederán as súas instalacións. Toda a información sobre a Mostra do Posible pode ser completada e actualizada na web www.mostradoposible.gal.