Máis de 1.000 alumnos participarán en 35 obradoiros de folclore, artesanía e cociña galega celebrados en distintas comunidades do exterior

A metade deste cursos organizados pola Secretaría Xeral da Emigración impartiranse en América: 5 en Brasil, 4 en Arxentina, 3 en Cuba, e un en Chile, Panamá, Costa Rica, México e Venezuela
Publicado por o día 31/08/2019 na sección de Cultura

Máis de 1.000 alumnos participarán en 35 obradoiros de folclore, artesanía e cociña galega celebrados en distintas comunidades do exterior

A Secretaría Xeral da Emigración realizará este ano, en colaboración coas comunidades galegas, un total de 35 obradoiros de folclore, artesanía, cultura e cociña galega, impartidos a través das propias colectividades galegas da diáspora, e dos que se beneficiarán directamente algo máis dun milleiro de alumnos.

Estas accións formativas abranguen ámbitos diversos como a gaita, o baile, a pandeireta, a percusión ou a gastronomía, e levarán a cabo no último trimestre do ano en distintos países no que se asenta a comunidade galega correspondente.

Así, a metade dos obradoiros impartiranse en América: 5 en Brasil, 4 en Arxentina, 3 en Cuba, e un en Chile, Panamá, Costa Rica, México e Venezuela. O resto celebraranse en Suíza, Alemaña e distintas colectividades do noso país.

Preto de 14.000 alumnos

Neste marco, cómpre salientar a alta capacitación técnica e nivel de compromiso de todo o profesorado dos obradoiros, que contan con ampla experiencia na actividade formativa e, sobre todo, no campo profesional da materia obxecto do curso. Tamén convén destacar que as especialidades nas que a Secretaría Xeral da Emigración colabora son aquelas que sinala precisamente o alumnado a través das comunidades galegas ás que está adscrito.

Durante a última década, os obradoiros teñen formado a preto de 14.000 alumnos en distintas especialidades relacionadas co folclore e a cultura galega, tendo as accións un efecto multiplicador aínda maior por canto o alumnado directo é despois o encargado de espallar estas técnicas e coñecementos entre as e os receptores finais, que son os galegos residentes fóra da Galicia territorial.

Esta liña de actuación compleméntase con outras destinadas á mocidade, tales como o programa ‘Conecta con Galicia’, ‘Campos de Voluntariado’ ou ‘Escolas Abertas’ nas que, se ben participan persoas de tódalas idades, rexistran un moi maioritario número de rapaces e rapazas menores de 25 anos.