Máis de 1.000 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa da Deputación “en ruta coa depo”

Veciñas e veciños de 13 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico.
Por o 06/07/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra
Máis de 1.000 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa da Deputación “en ruta coa depo”

O programa “En Ruta coa Depo” organiza esta fin de semana 17 novas excursións na que participan 1.026 persoas de 13 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas da Asociación Veciñal O Tombo visitarán o conxunto histórico de Salvaterra do Miño e parque de Canuda; Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

Pola súa banda, 108 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto e á Asociación de Veciños de Alxán poderán coñecer o conxunto histórico de Cangas, igrexa do Hío, miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home; Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Meaño e da Fundación Lar Pro Saúde Mental farán a ruta polo Castelo de Sobroso; Mondariz-Balneario; petroglifos de Gargamala, en Mondariz e castro de Troña, en Ponteareas.

Por outra banda, 270 persoas da Asociación de Veciños de San Cibrán de Ribarteme, da Asociación Cultural Deportiva Gharaboto, da Asociación Zobra Camiña, da Asociación Cultural e Deportiva Río Xabriña de Paraños e da Asociación de Mulleres e Familias Rurales Santa María de Rubin coñecerán Arousa, nesta ruta marítima desfrutarán da Illa da Toxa, darán un paseo en barco  pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Tamén, 270 persoas pertencentes á Asociación de Amas de Casa Rosais, á Asociación TDAH Salnés, á Asociación de Mulleres de Moaña e á Asociación Cultural Reiriz 2016 A Queimada poderán visitar as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.

No caso da Asociación Cultural Malveiras, 54 persoas farán a ruta pola Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

E xa por último, 162 persoas do Club de Pensionistas de Sanxenxo e do Fogar do Maior do concello de Caldas de Reis, coñecerán a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

“En Ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente os nenos e nenas. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia  e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa “En Ruta coa Depo” 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.