Máis de 1.100 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa En ruta coa Depo

Veciñas e veciños de 13 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico
Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Máis de 1.100 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa En ruta coa Depo

O programa En ruta coa Depo organiza esta fin de semana 8 novas excursións nas que participan 1.188 persoas de 13 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 432 persoas da Asociación de Persoas Maiores do Rosal, da Asociación de Veciños San Esteban de Cumiar, da Asociación Mulleres Rurais San Benito de Gondomar, da Asociación Cultural Xeración Nós, da Asociación de Xubilados e Pensionistas Caixanova e de Doa Proa Saúde Mental visitarán a Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), irán ao Grove, ao Museo da Salga e ao xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, 162 persoas pertencentes á Asociación de Veciños Bolarqueiros Noceda e á Asociación de Veciños Manduas poderán coñecer a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Tamén, 216 persoas da Asociación Mulleres Rurais Anduriña de Arcade, da Asociación de Veciños Laverinto de Mogor e da Asociación de Veciños Santo Paio de Campañó, irán ás illas Cíes e ao barrio mariñeiro do Berbés.

Por outra banda, 108 persoas da Asociación de Veciños San Benito de Romariz e da Asociación Cultural e Deportiva Xestas irán a Meis para visitar o mosteiro da Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns.

Outras 108 persoas da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Lavadores coñecerán o Parque Río Barosa, en Barro; a antiga azucreira, o miradoiro do Val do Umia e a exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; o xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e as Torres de Oeste, en Catoira.

Tamén, 54 persoas da Fundación Las Samaritanas irán á Illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo.

Outras 54 persoas da Asociación Cultural Volandeira poderán coñecer os pendellos de Agolada; o Museo A Solaina de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas (pechado os domingos) e a igrexa de San Salvador de Camanzo en Vila de Cruces.

E xa por último, 54 persoas da Asociación de Veciños Caselas visitarán, en Lalín, o centro Castrodeza, o Museo Municipal Ramón María Aller, o pazo de Liñares, o Museo Galego da Marioneta e a casa do Patrón.

En ruta coa Depo ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa En ruta coa Depo 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que no ano anterior.