Máis de 100 alumnos de secundaria de catro concellos participaron nunha xincana con motivo do Día Mundial contra o Tabaco

A Consellería de Sanidade, con motivo do Día Mundial sen Tabaco, fai un chamamento a toda a cidadanía en xeral, a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras
Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

Máis de 100 alumnos de secundaria de catro concellos participaron nunha xincana con motivo do Día Mundial contra o Tabaco

Máis de 100 alumnas e alumnos de 2º da ESO de centros educativos dos concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas, na provincia de Pontevedra, participaron hoxe nunha xincana con motivo do Día mundial contra o tabaco, que se celebra cada 31 de maio. Esta actividade é o remate dos obradoiros de prevención das condutas adictivas que levaron a cabo os alumnos e alumnas durante o curso escolar 2017/18. No acto de conmemoración, os rapaces leron o manifesto do Día mundial contra o tabaco. No transcurso deste acto tamén interviñeron o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, e os alcaldes dos concellos participantes.

A Xincana levouse a cabo no pavillón municipal de Barro, ao longo de toda a mañá e nela tomaron parte as alumnas e alumnos do IES de Barro, do CPI Aurelio Marcelino de Cuntis, do CPI Santa Lucía de Moraña e do CPI Domingo Fontán de Portas.

Protexer ás xeracións presentes e futuras

A Consellería de Sanidade, con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra hoxe, fai un chamamento a todas as organizacións e profesionais sanitarios, ás organizacións administrativas, autoridades laborais, poboación traballadora, centros docentes, medios de comunicación e a toda a cidadanía en xeral, convidándoos a adherirse ás campañas contra o tabaco para protexer ás xeracións presentes e futuras das devastadoras consecuencias sanitarias, sociais e ambientais e económicas do consumo de tabaco e da exposición ao seu fume, co fin de reducir de maneira continua e substancial o número de persoas fumadoras e a exposición pasiva ao fume do tabaco e, consecuentemente, as enfermidades e mortes causadas por esta substancia.

Dende o ano 1993, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, ten en marcha o Programa Galego de Promoción da Vida sen Tabaco, que engloba todas as estratexias e actividades para conseguir: Diminuír a mortalidade e morbilidade causada por patoloxías asociadas ao consumo de tabaco; reducir o número de fumadores da nosa comunidade; atrasar a idade de inicio do consumo de tabaco; asegurar o cumprimento da normativa vixente; coñecer a evolución da epidemia tabáquica, e avaliar a efectividade das actividades implantadas polo programa.

En Galicia, aínda que o consumo de tabaco está a diminuír, as cifras de prevalencia de fumadores diarios (en poboación maior de 16 anos) é de 17,6%, chegando a un 25% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.