Nun contexto de cambio climático, a produción de alimentos sitúase a ambos lados da barreira, como actividade xeradora de gases de efecto invernadoiro e como sector que sofre as consecuencias do proceso de quentamento global. Esta é unha dobre visión que está a cambiar o xeito de abarcar a seguridade alimentaria, un tema sobre o que preto de 100 persoas, procedentes de empresas de control de calidade e seguridade, inspectores e profesionais do mundo académico e sanitario, debateron este mércores no campus de Vigo no marco da segunda Xornada de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria, un evento organizado pola rede Risegal, da que forma parte a Universidade de Vigo.
A finalidade principal deste encontro é resaltar a importancia das redes de coñecemento, como Risegal, Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria, na identificación destes riscos e poñer en evidencia algúns perigos considerados de importancia en seguridade alimentaria no momento actual.
Marta López Cabo, coordinadora de Risegal e investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, explicaba na inauguración da xornada que o obxectivo de Risegal e deste encontro “é contribuír co noso gran de area a mellorar a alimentación no mundo, algo que semella un pouco pretensioso, pero é unha cuestión de todos e dende logo a seguridade alimentaria ocupa un lugar importantísimo, porque de nada nos serve proveer de alimentos se estes non son seguros”.
O cambio climático, no foco de atención
Xunto con López Cabo, no acto de apertura estivo Ana Canals, membro da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición do Ministerio de Sanidad, onde é responsable da coordinación de organismos internacionais en España e representando ao Goberno na Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria. Tamén se encarga de coordinar políticas alimentarias en diferentes grupos de traballo da Comisión Europea e consellos internacionais, incluíndo a Organización Mundial da Saúde. Dende o seu punto de vista, “a seguridade alimentaria e a nutrición van ser protagonistas sociais”, pero puntualizou que o concepto ‘da granxa á mesa’, moi reivindicado nos últimos anos, “xa se quedou pequeno, temos que ir moito máis aló e na Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición falamos xa das tres S cando nos referimos a alimentos: seguros, saudables pero tamén sostibles”.
A investigadora explicou que “estamos nunha realidade na que, co cambio climático, a produción de alimentos contribúe á emisión de gases de efecto invernadoiro, estímase que representan o 30% pero, por outro lado, o sector da alimentación tamén sufre as consecuencias dese cambio global”. Neste contexto xorden novos retos e perigos emerxentes, como por exemplo a detección, por primeira vez dende 2008, “de brotes de ciguatera en Canarias e en Madeira”, que entra dende o Caribe polo aumento da temperatura do mar, o tráfico de buques, etc. Canals tamén citou como exemplo o incremento da presenza de mildiu e aflatoxinas, que afectan a cultivos agrícolas como o millo.
De feito, sinalou Canals, o último informe de EFSA, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, anticipa a necesidade de ampliar o punto focal na identificación de riscos. “Temos que comezar a traballar en big data; é preciso internacionalizar as redes de traballo, porque no que se refire a riscos emerxentes non hai fronteiras; debemos traballar en criterios e filtros harmonizados e traballar tamén no eido da ciencias sociais, porque estamos cambiando comportamentos que poden incidir na aparición de riscos emerxentes”. Así, por primeira vez, a EFSA plantéxase estudar como risco emerxente, avanzaba a científica, os alimentos procesados, “polo seu contido en azucres, sales ou graxas trans”.
A xornada, en dous bloques
Juan Badiola, representante de España na Rede Europea de Riscos Emerxentes (EREN) abriu as intervencións explicando aos asistentes o funcionamento da estrutura en rede para la identificación de riscos emerxentes. A continuación, Filipa Vasconcelos, da Axencia Portuguesa en Seguridade Alimentaria, informou sobre a recente posta en marcha en Portugal do Observatorio Nacional de Riscos Emerxentes e, finalmente, Pablo Hernández, da Universidade Politécnica de Cartaxena, transmitiu a actividade da rede Bioqura de Avaliación de Riscos, da que é coordinador.
A segunda parte da xornada centrouse na situación dalgúns perigos emerxentes recoñecidos na actualidade. Así, Jesús Romalde, da Universidade de Santiago, ofreceu unha perspectiva ampla da prevalencia dos virus entéricos en moluscos e na comunidade galega. Pola súa banda, Jesús Gago, investigador do IEO, ofreceu os seus coñecementos na problemática dos microplásticos dende o punto de vista ambiental e da seguridade alimentaria. No que respecta aos perigos químicos, Pilar Bermejo, da USC, transmitiu aos asistentes os posibles riscos asociados á presenza de metais en algas de Galicia. O peche da xornada púxoo unha conferencia sobre o virus da hepatite E n ámbito clínico que foi impartida por Antonio Aguilera, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Con esta xornada remata o proxecto de rede Risegal, financiado pola Xunta de Galicia e coordinado polo CSIC, do que forman parte dous grupos do CSIC e cinco das tres universidades galegas, en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia e a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública. A intención da coordinadora, Marta López Cabo, é buscar financiamento para dar continuidade a unha estrutura necesaria en Galicia, onde o sector agroalimentario constitúe un dos principais motores económicos da comunidade autónoma.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.