Máis de 120 deportistas competirán este domingo no trail do terceiro Depo Desafío polos montes da Cañiza organizado pola DEPO

Tras as dúas primeiras probas lideran a clasificación xeral do “Depo Desafío 2018” Mónica Mezquita e Ricardo Rey
Publicado por o día 24/08/2018 na sección de Deportes,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Máis de 120 deportistas competirán este domingo no trail do terceiro Depo Desafío polos montes da Cañiza organizado pola DEPO

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo a terceira proba do programa “Depo Desafío 2018”cun trail polos montes da Cañiza cun percorrido, duns quince quilómetros, que combinará subidas e baixadas continuas e vistas espectaculares da zona, o que fará deste reto unha experiencia única para as persoas participantes. Un total de 124 persoas tomarán parte deste novo “Depo Desafío”, para que irán equipadas con zapatillas de trekking para adaptarse ás continuas subidas e baixadas do percorrido polos montes da Cañiza.

Depois dos “Depo Desafío” de Tomiño e O Grove, agora tócalle a quenda ao reto polos montes da Cañiza, coa saída da proba ás 10:30 h. dende a Casa do Concello e o peche do evento na entrega de premios no mesmo punto, as 11:30 horas. Dende as 9 da mañá, todas e todos os participantes disporán xa do punto informativo aberto para dúbidas, consultas, recollida de material e control de firmas.

Á espera do que pase neste Trail da Cañiza e tras os dous primeiros “Depo Desafío”, a clasificación xeral encabézana Mónica Mezquita na categoría feminina e Ricardo Rey na masculina. Mónica Mezquita encabeza o “Depo Desafío 2018” con 360 puntos, seguida de Ariana González que ten 315. No caso dos homes, Ricardo Rey vai líder na clasificación xeral con 305 puntos, 35 máis que o segundo clasificado, Brais Misa, con 280 puntos totais.

A cuarta cita do ano co “Depo Desafío” chegará en setembro cunha proba BTT polo concello de Cerdedo-Cotobade, e en outubro, será a última en Vigo cun tríatlon na modalidade distancia sprint. Para estas dúas últimas citas aínda está aberto o proceso de inscrición, que pode facerse na páxina web da Deputación.

“Depo Desafío 2018” enmárcase no Plan Estratéxico de Deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas como carreira, bicicleta e natación. Os principais obxectivos deste programa son popularizar estas probas deportivas e fomentar así o deporte, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven. Preténdese así concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.