316 alumnas e alumnos de ESO, bacharelato e Formación Profesional comprométense a partir de hoxe, e ata o vindeiro 3 de febreiro, a falar só a lingua propia de Galicia. Fano no marco do programa de dinamización lingüística ‘21 días co galego e +’, que presentaron esta mañá no compostelán IES A Pontepedriña Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, e Manuel Corredoira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Valentín García puxo este programa en relación con outras accións que o seu departamento desenvolve para animar a mocidade a usar o galego e lembrou que Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado están elaborando un plan de dinamización especificamente dirixido a este sector da poboación. Por outra banda, explicou que, con ‘21 días co galego e +’, Política Lingüística acolleu e fixo extensiva a 4 novos centros educativos unha iniciativa creada en 2013 no IES da Pobra do Caramiñal da man da profesora Pilar Ponte, “porque as accións que xorden desde a base, neste caso desde as persoas que traballan todos os días coa mocidade e a coñecen ben, son moitas veces as máis efectivas”. Neste caso, abundou o secretario xeral, “combaten algúns dos impedimentos que, segundo os expertos, lles impiden a mozos e mozas que desexan falar o galego dar o paso de facelo cos seus iguais: a rutina, certas convencións sociais, a falta de apoio ou a falta de reflexión sobre as propias decisións lingüísticas e as súas consecuencias”.
Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa recordou “que o sistema educativo galego garante a competencia nas dúas linguas oficiais” e agradeceulle á comunidade educativa a súa implicación “en ideas e accións innovadoras coma esta, que fan posible que a lingua galega, ademais de se estudar e aprender nos centros, se dinamice por medio de propostas atractivas e orixinais coas que tamén se contribúe, desde o propio ámbito escolar ou familiar, á promoción do uso social do idioma”.
Canda os responsables da Xunta, participaron na presentación de ‘21 días co galego e +’ o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do IES, Francisco Javier Dapena, e a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte.
Implicación de toda a comunidade educativa
95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos da ESO, de bacharelato e de FP con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos dos institutos A Pontepedriña (Santiago de Compsotela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) comprometéronse, no marco de ‘21 días co galego e +’, a falar soamente nesta lingua as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa -é dicir, desde o 14 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2019- dentro e fóra do centro de ensino.
Deste xeito, agárdase que os rapaces e rapazas incrementen e perfeccionen o uso do galego e mais que reflexionen sobre a relación que teñen cos idiomas cos que entran en contacto, nomeadamente sobre a lingua propia de Galicia e o lugar que esta ocupa nas súas vidas. Aínda que o protagonista do programa é o alumnado, a iniciativa implica a toda a comunidade educativa: desde o profesorado ata o persoal de administración e servizos ou a ANPA e as familias, todos eles determinantes no éxito da proposta.
O soporte central da iniciativa é un blog, onde cada día aparecerá unha nova entrada coas tarefas que deberá realizar o alumnado e onde se poderán ver gravacións que deixarán constancia das reflexións dos rapaces e das rapazas sobre a experiencia. O 31 de maio, estudantes dos catro centros implicados no programa coñeceranse e compartirán experiencias na Xornada inquEDU que se celebrará na Cidade da Cultura de Galicia. Toda a información do programa está accesible na páxina web.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.