Máis de 1500 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria comezan un novo curso escolar en Tomiño

O IES Antón Alonso Ríos suma máis de 600 matrículas entre o alumando de ESO e os ciclos de FP
Publicado por o día 11/09/2018 na sección de Galicia,Tomiño

Máis de 1500 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria comezan un novo curso escolar en Tomiño

Perto de 900 escolares de Educación Infantil e Primaria do concello de Tomiño comezan mañá as clases. Repartidos nos colexios públicos de Tebra (97 estudantes); Barrantes (86); Goián (150); Sobrada (199); Pedro Caselles (206) e Colexio Rural Agrupado (122), veñen a sumarse aos máis de 600 do IES Antón Alonso Ríos (alumnado da ESO e ciclos de FP) e os 90 das dúas escolas infantís públicas, de Goián e O Seixo.

A maioría dos centros de Primaria manteñen en termos xerais o número de inscricións, rexistrando algunhas baixas os colexios de Barrantes e Caselles, e 11 escolares menos no caso do CRA.

As listas de agarda das garderías públicas ascenden a 22 no caso do Seixo e 7 en Goián; prazas que se cubrirán na súa práctica totalidade co bono “Concilia”, de forma que ningún neno ou nena quede sen escolarizar.

Durante o verán o Concello levou a cabo varias obras de mellora e reparación dos centros educativos de Primaria, coma a mellora da pista deportiva do CEIP de Tebra; colocación dun teito acústico no comedor e mellora da calefacción no pavillón polideportivo cuberto no CEP Pedro Caselles; acondicionamento do espazo exterior do CEIP de Goián, e dun patio para infantil no colexio de Sobrada, así coma outras obras menores de reparación e mellora nos demais centros e nas aulas do CRA do Seixo, Amorín, Forcadela, etc. O investimento total ascendeu a máis de 65.000 euros de fondos propios.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valorou positivamente as cifras de escolaridade acadadas, tanto nos centros de Primaria, coma no Instituto, lembrando a importancia de fomentar a educación pública e gratuíta, e por conseguinte a igualdade de oportunidades para todas as persoas do municipio, independentemente dos seus recursos económicos.