A Universidade de Vigo suspenderá a actividade lectiva dos seus máis de 20.000 estudantes, de xeito recomendado a partir de mañá venres, e oficialmente desde o vindeiro luns 16, e durante os próximos 14 días. A institución académica viguesa atende así o anuncio realizado este mediodía polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que confirmou “a suspensión da actividade lectiva e extraescolar en todos os niveis educativos”, no marco dunha serie de medidas preventivas acordadas polo executivo galego co obxectivo de deter o avance do coronavirus. “No momento no que a Xunta decreta a paralización de actividade docente eu quero facer primeiro un chamamento á tranquilidade, non hai que caer na histeria. Hai que intentar que o número de contaxios non sexa un boom e colapse os hospitais e logo seguir as recomendacións que nós temos colgadas na páxina web e que están en calquera institución que teña competencias en sanidade como o Sergas ou Ministerio de Sanidad”, asegura o reitor. Precisamente Manuel Reigosa participou a primeira hora desta mañá a reunión que celebrou o Comité de seguimento COVID-19 da UVigo e na que se tomaron algunhas decisións “que podemos adoptar desde a nosa autonomía” como suspender a celebración de festas previstas nos próximos días como San Pepe ou Santa Kata; actividades extraescolares ou a actividade docente en centros hospitalarios. Así mesmo, acordouse o peche das bibliotecas centrais e as dos centros e das instalacións deportivas dos tres campus.
En canto á actividade do PDI, que agrupa unhas 1400 persoas, e do PAS, que acada as 800, o reitor destacou que “na Universidade, ademais da lectiva, ten que regular o resto de actividades. Hai investigación, xestión e para iso agardaremos a reunir nas próximas horas o Comité de seguimento COVID-19 para ver novas recomendacións e se é preciso facer algunha resolución reitoral”. Neste sentido, Reigosa apunta a posibilidade de continuar co traballo do día a día, agás o docente, tendo en conta as recomendacións sanitarias correspondentes. Tras pedir “ser coidadosos para evitar que o problema sexa maior”, o reitor sinalou que á espera da evolución dos acontecementos e en función de cando se produza a reanudación das clases “podería haber que tomar medidas excepcionais para que os estudantes non perdan curso”.
A suspensión da actividade lectiva que hoxe confirmou o presidente galego, súmase á das comunidades de Madrid, Murcia, País Vasco, La Rioja e Cataluña.
Actuacións previas na UVigo
Antes de que o presidente da Xunta confirmarse este xoves a suspensión das clases en todos os niveis educativos, a Universidade de Vigo creaba a principios deste mes de marzo o Comité de seguimento COVID-19 de cara a traballar na adopción e no seguimento das diferentes medidas a levar a cabo ante a activación da alerta sanitaria. Presidido polo vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez Tabarés, este comité está constituído por un total de 17 persoas, incluíndo a xerenta, varios vicerreitores e vicerreitoras, directores/as de varios servizos e diferentes especialistas, entre eles a catedrática África González, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.
Este comité, que asesora ao reitor, leva días mantendo xuntanzas e asesorando á comunidade universitaria a través da propia web da Universidade de Vigo, incluíndo a actualización constante das recomendacións sanitarias emitidas pola administración estatal e a autonómica. A última destas reunións celebrouse esta mesma mañá e nela decidiuse suspender as clases no programa de maiores, as prácticas externas en centros sanitarios e todas as festas organizadas polos centros ou polo estudantado (San Pepe, Santa Catalina, San Aquiles…), así como calquera evento extracadémico que supuxese unha aglomeración de máis de 100 persoas, incluída a carreira HappyGoRunning Cidade Universitaria prevista para o vindeiro 26 de abril.
En canto aos congresos e reunións de seguimento dos proxectos, a decisión adoptada foi prohibir os desprazamentos cara ou desde universidades ou centros nos que se suspendera a actividade presencial, debendo limitarse a participación das persoas pertencentes a estas institucións á vía telemática. Con respecto ás practicas externas acordouse seguir as instrucións das respectivas empresas sobre a continuidade, cese ou teletraballo, debendo o alumnado notificarlle a súa situación á persoa encargada de supervisar as súas prácticas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.