Máis de 2000 estudantes pasaron polas xornadas de benvida nos tres campus

Con postos informativos e obradoiros, a praza Miralles encheuse este venres de mozas e mozos
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Máis de 2000 estudantes pasaron polas xornadas de benvida nos tres campus

Antes das presentacións, das clases e dos apuntamentos, o alumnado de novo ingreso dos tres campus da Universidade de Vigo tivo a oportunidade de achegarse á que será a súa casa durante os próximos anos dun xeito lúdico e festivo. Por primeira vez, a institución académica organizou unha xornadas de benvida polas que pasaron máis de 2000 novos estudantes dos diferentes graos que, entre música, xeados e refrescos, puideron coñecer os servizos que ofrece a Universidade, como a oferta cultural e deportiva, aloxamento, transporte, tarxeta universitaria, biblioteca, bolsas e axudas, mobilidade, cursos de linguas, certames e concursos, emprego e emprendemento, voluntariado, etc.

Tras Ourense o mércores e Pontevedra onte xoves, hoxe foi a quenda de Vigo, cunha praza Miralles ateigada de mozas e mozos que se foron achegando aos diferentes postos informativos, entre eles un Punto Lila da Unidade de Igualdade, para recibir información e tamén para solucionar dúbidas e coñecer iniciativas postas en marcha polo propio alumnado da UVigo, como o equipo UVigo Motorsport que lles amosou o seu coche da competición Formula Student.

A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, explica que con estas xornadas se trata de completar as benvidas que organiza cada escola e facultade para o alumnado de primeiro. “Preténdese dar toda a información sobre todos os servizos da Universidade, de xeito que se fagan unha idea do que lles ofrece a institución de cara a planificar a súa vida na UVigo, non só no primeiro curso, senón en todos os seus estudos, por iso se lles achega información do que necesitan dende o primeiro día, dende a tarxeta universitaria,  aplicacións TIC, bolsas ata a mobilidade, inserción laboral, etc. para que vaian planificando os seus intercambios e prácticas en empresa, pasando por deportes, cultura, voluntariado…”. Con todo, engade, as xornadas tamén teñen unha compoñente lúdica e festiva, para que “se relacionen entre eles, coas súas delegacións, as asociacións de estudantes, cos estudantes máis veteranos…. e creen comunidade”.

Unha xornada completa de actividades

Estudante do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Ana Crende, asistiu ás xornadas acompañada por Antía Lafuente, da EU de Enfermaría do Meixoeiro. “A verdade é que estamos moi sorprendidas con todo o que hai montado na praza, non contabamos cun acto deste tipo”, explica Crende, ao que engade que “aínda que non queiras é o noso primeiro día e isto ponte un pouco nerviosa, pero cando chegas aquí e ves o ambiente, a música…pois xa te relaxas máis, estamos moi contestas de ter asistido”. “O luns arrancamos as clases, pero non imos partir de cero, hoxe xa aproveitamos para informarnos dun montón de cousas”, explicou Lafuente.

Esta xornada de benvida tamén serviu para recibir ao alumnado estranxeiro de intercambio neste cuadrimestre no campus de Vigo, que tivo a primeira hora unha proba de nivel de español para o estudantado internacional, organizada pola Oficina de Relacións Internacionais en colaboración co Centro de Linguas. Posteriormente tiveron tamén unha sesión informativa para coñecer a institución viguesa.


Ao longo da mañá tamén se desenvolveron dúas demostracións científicas, unha tituladas A febre dos materiais e outra sobre visión infravermella, así como unha pausa activa da man da Área de Benestar, Saúde e Deporte.

Boa medida do éxito das xornada reflíctese tamén no número de xeados, 1250, e bebidas, 1200, repartidos de balde nos tres campus durante estes días.