Máis de 210 mulleres da provincia rematan esta semana accións formativas de “Conectadas”

A finalidade do programa de igualdade da Deputación é mellorar a formación das mulleres para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias
Publicado por o día 20/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Máis de 210 mulleres da provincia rematan esta semana accións formativas de “Conectadas”

O programa da Deputación de Pontevedra “Conectadas” 2019 que leva dende o mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación, chega a súa recta final. Así, durante a cuarta semana de xaneiro rematarán un total de 14 obradoiros nos que participaron 218 mulleres e que foron realizados nos concellos de Cambados, Lalín, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Vigo e Vila de Cruces.

Deste xeito, o 23 de xaneiro rematará en Cambados o obradoiro “Coidados propios do teu benestar: exercicios motivacionais”, que contou coa participación de integrantes da Asociación de Vecinos San Vicente. O martes 21 finalizará en Mos o curso “Coidados propios do teu benestar: exercicios prácticos e motivacionais”, que contou con integrantes da Asociación Sociocultural Malvela. O mesmo día remata tamén en Ponteareas o obradoiro denominado “Artesanía en coiro”, organizado pola Asociación Mujeres del Rural Mulleres do Tea. As mulleres da Asociación Sociocultural Malvela, do concello de Pazos de Borbén, que participaron no curso “Ximnasia de mantemento” acabarán a acción formativa o vindeiro venres.

En Lalín chegarán ó seu fin tres cursos do programa Conectadas. O primeiro, “Ximnasia de Mantemento”, contou con integrantes da Asociación de Mulleres en Igualdade de Donsión. Outro curso denominado “Ximnasia de mantemento”, que contou coa presenza de persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Camposancos, ten prevista como data de remate o xoves 23 de xaneiro. Por último, tamén en Lalín mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vilatuxe rematarán a acción formativa “Pilates” o 23 de xaneiro.

En Redondela, integrantes da Asociación de Mulleres de Chapela Agarimo clausuran o mércores 22 o curso “Ioga”. Tamén en Redondela, mulleres da Asociación de Vecinos de Chapela finalizarán a acción formativa “Risoterapia” o mñercores 22. O mesmo obradoiro rematará en Salceda de Caselas o vindeiro martes con mulleres da Agrupación Cultural Xunco. Ademais, o 24 de xaneiro rematará en Vila de Cruces a acción formativa “Ximnasia de mantemento”, na que participou a Asociación de Mulleres Rurais de Loño.

Por último, en Vigo finalizarán durante a semana tres cursos de Conectadas. Así, “Iniciación ao Patchwork”, que contou coa presenza de integrantes da Asociación de Mujeres de Cabral Rosalía de Castro, clausúrase o martes 21; “Musicoterapia”, impartido a participantes da Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos, remata o xoves 23; e, finalmente, “Bricolaxe e reparacións no fogar”, no que participaron persoas da Asociación de Mulleres Pedra da Vella, chega ó seu termo tamén o vindeiro xoves.

Conectadas é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Amais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.