Un total de 25.546 datos, repartidos en dous bloques estruturais, cohesión social e economía e empresa, 19 ámbitos, 65 variables e 260 indicadores reúnense no informe do Observatorio Urbano de Pontevedracorrespondente ao ano 2017, un documento impulsado pola Concellería de Promoción da Cidade e elaborado polo grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que busca servir como ferramenta de información socioeconómica tanto para os axentes sociais como para cidadanía. Para iso, compila e agrupa nunha serie de indicadores a información extraída do traballo con máis 1,2 millóns de datos, procedentes tanto de fontes accesibles como, nalgúns casos, de información solicitada especificamente para este proxecto, como explica o profesor Pedro Figueroa, coordinador do documento que vén de facer público o Concello e, na súa terceira edición, incorpora un 25% máis de datos respecto do anterior.
“Neste informe o que fixemos foi consolidar información que xa incorporaramos o ano anterior e coa que podíamos establecer xa comparativas”, sinala Figueroa dun documento que permite analizar a evolución de múltiples indicadores respecto de exercicios anteriores, así como “a posición que ocupa Pontevedra” respecto das sete cidades galegas e os municipios da súa comarca. “É unha unha compilación de todos os datos dispoñibles para Pontevedra organizados nun sistema indicadores”, sinala Figueroa, que traballa xa xunto co investigador Daniel Gallego, na compilación de datos correspondentes a 2018, labor na que contan co asesoramento de preto de 20 investigadores e investigadoras de diferentes centros do campus e que contará no presente ano cunha maior participación dos investigadores Juan Vidal e José María Chamorro, investigadores dos grupos EA7 e RGEA, pertencentes, ao igual que o grupo G4 Plus á agrupación estratéxica Ecobas.
Educación non universitaria e actividade hospitalaria
No bloque de cohesión social, o informe reúne información sobre poboación, benestar e saúde, educación, cultura e deporte, participación cidadá ou actividade xudicial, e nel Pontevedra sitúase como a cidade cunha media de idade máis baixa, 43,5 anos, e como a sexta peor na porcentaxe de servizos de atención primaria por cada 1000 habitantes. No documento insírense así mesmo indicadores resultado do tratamento de información solicitada especificamente para este proxecto, como é o caso da relativa á educación non universitaria, que permite coñecer que Pontevedra contou no curso 2017-2018 con máis de 22.000 alumnos matriculados en ensinanzas universitarias, un 0,8% máis que no curso anterior, á vez que con 1569 profesores e profesoras non universitarios, un 1,8% máis que no exercicio previo. O informe detense, así mesmo, nos datos numéricos relativos ao campus pontevedrés, así como na súa comparativa cos restantes campus galegos, que permite amosar, sinalan Figueroa e Gallego, como este foi o único campus “que subiu en número de alumnos matriculados”, un 3,3%, no período que abrangue de 2013 a 2017.
Tamén abordada especificamente para este documento, o informe reúne datos da actividade do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), que rexistrou en 2017 un total de 24.793 ingresos, un 2,2% máis que o ano anterior, cunha estadía media de 7 días e un índice de ocupación do 77,4%. No CHOP, así mesmo, atendéronse neste exercicio un total de 93.551 urxencias, realizáronse 19.014 intervencións cirúrxicas e un total de 469.267 consultas externas.
Actividade económica e empresarial
No bloque correspondente a economía e empresa, o informe recolle información sobre o mercado laboral, fogares, estrutura empresarial, economía social e solidaria, turismo ou impostos; bloque que permite coñecer tanto que Pontevedra foi en 2017 a cidade cun mellor saldo respecto do número de empresas creadas e dadas de baixa, mentres que ocupou na quinta posición no descenso do paro, un 11% fronte a 2016, no conxunto das cidades. O informe recolle así mesmo información respecto da fenda salarial, que cifra nun 19% a diferencia entre as retribucións percibidas por homes e mulleres, a terceira máis baixa das cidades galegas.
Así mesmo, o documento tamén achega neste bloque datos non accesibles noutras fontes no apartado de economía social e solidaria, ámbito no que Pontevedra conta con máis de 150 entidades, presentando a mellor posición das sete cidades na ratio de sociedades laborais por cada mil empresas e a peor no número de cooperativas existentes. Tamén grazas ao tratamento de información reunida ex profeso para este documento, o informe detense na achega económica da Brilat á Pontevedra, “un dos maiores centros de traballo no concello”, onde traballan diariamente entre 2000 e 2200 persoas e cuxa actividade tivo en 2017 tivo un impacto directo de 43,4 millóns de euros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.