Máis de 30 empresas agroalimentarias galegas participan na feira ecolóxica “Biocultura” que se celebra en Madrid

En Galicia, o sector ecolóxico crece a un ritmo do 30% anual, segundo os responsables do Craega
Publicado por o día 04/11/2018 na sección de Galicia

Máis de 30 empresas agroalimentarias galegas participan na feira ecolóxica “Biocultura” que se celebra en Madrid

Máis de 30 empresas galegas de produtos naturais e ecolóxicos están presentes na feira BioCultura, que se está a celebrar estes días no Ifema de Madrid. Ata alí desprazouse o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez, para mostrar o apoio da Consellería do Medio Rural ao sector.

En concreto, destas 37 empresas de diferentes sectores, pero todas integradas no ámbito ecolóxico, sete delas teñen stand propio. Son Hifas da Terra, Algamar, Casa Grande de Xanceda, Avícola Rías Baixas, Conservas do Mar de Ardora, Portomuíños e Puleva eco. O resto comparten espazo no stand do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e entre elas hai compañías de mel, bebidas (licores, viño e cervexa), conservas vexetais, derivados lácteos, carne, produtos de panadería e repostería, así como infusións, froitos secos e produción acuícola.

A feira BioCultura é unha das citas indiscutibles para os profesionais que queren achegarse ao mundo dos produtos ecolóxicos. Vense celebrando dende hai xa 34 anos, pasando por cidades coma Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Sevilla e A Coruña. Nesta edición serán máis de 18.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica os que estarán a disposición duns 75.000 visitantes. A maiores, a alimentación “bio” está acompañada doutros sectores como son produtos para a hixiene e a cosmética con ingredientes certificados; téxtil orgánico; bioconstrución e ecomateriais, enerxías renovables, xoguetes, etc.

O sector “bio” en todo o mundo está en plena expansión, sendo España o primeiro produtor en Europa e o quinto do mundo, estando no ranking mundial dos 10 primeiros tamén en consumo. En Galicia, o sector ecolóxico crece a un ritmo do 30% anual, segundo os responsables do Craega.

Showcooking

No día de hoxe está previsto un showcooking do proxecto morenas e verdes de carne ecolóxica, ao que tamén asistirá o director de Agacal. Trátase dunha iniciativa na que participan Verín Biocoop SCG, o Centro Tecnolóxico da Carne, o Craega e Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e cuxo obxectivo principal é deseñar unha gama de hamburguesas gourmet, elaboradas con produtos 100% ecolóxicos con carne procedente de razas coñecidas coma Morenas do Noroeste e vexetais de temporada. Este proxecto foi financiado con fondos Feader para o desenvolvemento de proxectos de grupos operativos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.