Máis de 30 persoas recibirán este ano as bolsas da Xunta para a formación en biblioteconomía

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe de beneficiarios desta convocatoria, que conta cunha dotación de máis de 200.000€
Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Cultura

Máis de 30 persoas recibirán este ano as bolsas da Xunta para a formación en biblioteconomía

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a listaxe de beneficiarios das 33 bolsas da Xunta para a formación en biblioteconomía. Trátase dunhas axudas que contan cunha dotación total de máis de 200.000€ e teñen por obxecto afondar no tratamento técnico dos fondos e coñecer o resto de actividades que realizan os servizos bibliotecarios da man de titores dos diferentes centros.

Concretamente, os bolseiros recibirán a súa formación nas seguintes bibliotecas públicas: Biblioteca de Galicia, Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, Biblioteca Pública de Lugo, Biblioteca Pública de Ourense, Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central).

Estas bolsas súmanse ás ofertadas pola Consellería de Cultura e Turismo nos museos e arquivos da Comunidade. En concreto, outras 20 prazas estarán destinadas a formación en materia de arquivos, onde os participantes realizarán as súas estadías no ámbito do Sistema de Arquivos de Galicia, que inclúe dotacións tanto autonómicas como locais. Así, acollerán bolseiros nos vindeiros meses os arquivos históricos provinciais de Pontevedra, Lugo e Ourense; os territoriais de Vigo e Pontevedra, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo de Galicia e os arquivos municipais de Ribadavia, Ordes, Bergondo, Abegondo, Celanova, Paradela, Ordes, Muros, Carballo, Aranga e Borborás.

Por último, outras oito prazas correspóndense con actividades relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos museos de titularidade ou xestión autonómica. Concretamente, os bolseiros participarán no marco desta iniciativa no Museo Etnolóxico de Ribadavia, no Museo do Viño, no Arqueolóxico de Ourense, no Castro de Viladonga, no Museo Massó de Bueu e no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Todas estras bolsas, nas que a Xunta inviste preto de 400.000 euros, teñen unha duración mínima de seis meses que serán prorrogables por outros seis meses.