Máis de 300 corredoras e corredores daranse cita este sábado no campus

No equipo universitario todas as expectativas están postas en Isabel Pastoriza e Brais Piñeiro
Por o 05/06/2018 | Sección: Universidade de Vigo
Máis de 300 corredoras e corredores daranse cita este sábado no campus
Compartir en:

Máis de 300 corredoras e corredores procedentes de toda Galicia daranse cita este sábado no campus no XVII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación, unha cita organizada pola sección deportiva de Carreiras de Orientación da Universidade de Vigo e a federación galega, xa que a proba é puntuable para a XXVII liga galega 2018. Hai inscritas e inscritos de todas as idades, a inmensa maioría persoas federadas, pero tamén moita xente afeccionada que optou por participar nas dúas categorías creadas expresamente para eles: iniciación curta ou iniciación longa.

Tras celebrarse o curso pasado no plano de Monteferro, en Nigrán, a proba retorna este ano ao campus de Vigo, onde xa se ten celebrado en distintas ocasións. Trátase, segundo explica José Luis Armada, responsable da Sección de Orientación, dun lugar idóneo para practicar este tipo de deporte, pois dominan as áreas despexadas, mesturadas con zonas urbanas, semipoboadas e boscosas. “A boa visibilidade e a limpeza do terreo facilitarán as velocidades moi altas de carreira”, explica Armada, que fixo tamén fincapé en que o mapa está elaborado segundo as normas IOF (2011, 2013, e 2015) e revisouse este mesmo mes de maio.

A saída será ás 10.30 horas na área comercial

A entrega de tarxetas realizarase ás 09.30 horas na área comercial da Cidade Universitaria e a hora de saída do primeiro corredor/a será ás 10.30 horas, establecéndose como hora de peche as 14.00 horas, momento tras o cal terá lugar a entrega de trofeos para as categorías Elite. No caso das persoas non federadas, tanto na categoría de iniciación curta como longa, a saída será na modalidade Estación Start, sen hora de saída fixada, pero que en todo caso será entre ás 10.30 e as 11.30 horas.

No caso do equipo Universitario vigués as expectativas están postas en Isabel Pastoriza e Brais Piñeiro. “Son os actuais campións galegos universitarios e ambos están nun momento moi bo, polo que oxalá que os resultados acompañen”, insistiu Armada, ao tempo que explica que en todos os percorridos se realizará un control por tarxetas SporIdent, “unha especie de pinzas electrónicas que se introducen nas bases electrónicas que están diseminadas ao longo de todo o percorrido e nas que os corredores e corredoras deberán rexistrar o seu paso”.

O equipo feminino de tenis, a un paso do ascenso

En plena liga galega, o equipo feminino de tenis da Universidade de Vigo acadou unha importante vitoria fronte ao CCD Sanxenxo por 3-2 e métese nas semifinais, quedando a un paso do ascenso. Participaron no encontro as xogadoras Sheila Bacelo, Lucía Estévez, Marta Saburido e Adriana López. “No partido de individuais as número un e dous lograron gañar e as tres e catro caeron ante as rivais, pero no dobres definitivo as nosas xogadoras impuxéronse en dous sets”, explica Jorge Comesaña, coordinador do equipo, ao que engade que as semifinais disputaranse o próximo sábado fronte ao Ureca, “un equipo moi forte e que será moi difícil de gañar”.

Ademais de ao equipo feminino, as cousas tamén lle foron ben ao masculino B, ao gañarlle ao Tenis Pontevedra B por 4-1, o que lle permitiu conseguir a permanencia.  “Nos individuais comezaron os tres últimos que se impuxeron aos seus rivais, comezando cun 3-0 a favor, polo que soamente cun partido máis se conseguiría a  vitoria, e así foi, o número 2 logrou imporse ao seu rival e o número 1 perdeu ante un xogador moi consistente e cun ritmo maior, desta forma co 4-1 a favor xa non fixo falta disputar os dobres”, recalcou Comesaña, ao tempo que salientou que o equipo estivo composto nesta ocasión por Ignacio Lago, Alex Covelo, Jaime  Zapatero, Pablo Romero e Santiago Jorge.

No caso do equipo masculino A nada puido facer ante o tenis Coruña B que venceu, contundentemente, por 5-0 nas semifinais da División de Prata.