Máis de 300 delegados/as sindicais da CIG de Vigo mobilízanse polo futuro industrial da comarca

Antes analizaron en asemblea a grave crise que atravesan o sector naval e a automoción
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

Máis de 300 delegados/as sindicais da CIG de Vigo mobilízanse polo futuro industrial da comarca

Máis de 300 delegados/as sindicais da CIG de Vigo marcharon hoxe en manifestación dende a porta do estaleiro Vulcano até a sede da Xunta para reclamar unha solución á grave crise industrial que atravesa a comarca. Previamente celebraron unha asemblea en Teis para analizar a situación e abordar as alternativas que a CIG propón para o sector naval e a automoción.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, incidiu durante a asemblea na necesidade de continuar coa mobilización para forzar o novo Goberno central encabezado polo PSOE que se vén de constituír a que cumpra os compromisos adquiridos tanto con Unidas Podemos como coa axenda galega pactada co BNG. “Sabemos da historia de traizón do PSOE á clase traballadora, polo que temos que seguir elevando a presión nas rúas para que os anuncios feitos até o de agora non queden en papel mollado”.

Mais tampouco esqueceu o papel que está a xogar a Xunta na grave crise que atravesa o sector industrial galego no seu conxunto -no norte coa problemática das elecrointensivas e no sur co esmorecemento do naval-. “Ten que facer uso dunha vez das competencias que ten en materia industrial, que son todas, e deixar de mirar cara a outro lado”. Do contrario, denunciou, agárdanos un futuro de desertización industrial e produtivo que terá consecuencias letais sobre os outros sectores e en consecuencia sobre o emprego e as condicións de vida de milleiros de persoas traballadoras no noso país.

No caso concreto de Vigo, lembrou que só na cidade hai 6800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década. “A nosa comarca retrocedeu significativamente como motor produtivo e económico de Galiza”. Sinalou que en termos de PIB descendeu un 1,57% entre 2010 e 2106, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou un 21,54% no mesmo período. En consecuencia, o PIB coruñés é un 31% maior ao da comarca viguesa, cando en 2010 era só un 5,54% superior.

Esta caída supón que a área de Vigo deixase de ser o principal polo económico do país, algo que se constata especialmente no caso da industria. As cifras de Valor Engadido Bruto (VEB) amosan como entre 2010 e 2016 as ramas industriais retrocederon por volta dun 6,59%, mentres que na Coruña incrementábanse un 9,28%.

Ao mesmo tempo, indicou que a evolución do paro rexistrado amosan que o emprego é moito máis precario, cunha elevadísima taxa de temporalidade e cun cada vez maior peso da contratación a tempo parcial e con menores salarios. “Isto é así porque a desindustrialización que padecemos está a provocar máis desemprego, máis precariedade, máis empobrecemento”.

Proba da mala calidade do emprego é que só na cidade de Vigo, no primeiro trimestre do ano pasado contabilizáronse 7000 empregos indefinidos menos que en 2009, pero 2300 máis eventuais que 10 anos antes, segundo datos da EPA.

Naval e automoción

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, fixo un repaso pola situación que atravesan dous sectores fundamentais para a comarca e estratéxicos para o conxunto do país, como son o naval e a automoción. Do primeiro, inmerso no peche de Vulcano e na grave crise de Barreras, dixo que se enfronta a unhas difíciles perspectivas de futuro “se non hai un xiro radical nas políticas industriais da Xunta”.

Neste punto, denunciou o papel que está a xogar a Autoridade Portuaria de Vigo ao impedir que as instalacións que ocupaba Vulcano se poidan dedicar á construción naval, xa que o presidente do organismo estatal, Enrique López Veiga, pretende que se utilicen para almacenar contedores.

No caso da automoción, incidiu en que vén de padecer unha importante vaga de ERE e perda paulatina de cadro de persoal, así como a precarización absoluta das condicións de traballo e o aumento da explotación laboral. A todo isto hai que sumar a constante ameaza da deslocalización ao norte de África e a Portugal.

Fronte a todo isto, os responsábeis sindicais sinalaron que as principais propostas da CIG pasan por impulsar un plan industrial para a comarca, que inclúa a intervención pública en sectores estratéxicos, coa participación da Xunta ou a creación de empresas mixtas e por asegurar o futuro do naval tomando o control público de Barreras e Vulcano, ou en todo caso apoiando calquera iniciativa privada que garanta a actividade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo.

Mais tamén por crear unha Mesa Galega da Automoción co Cluster, as centrais e as tres universidades para impulsar un plan comarcal para a industria do automóbil, condicionando toda axuda pública ao mantemento do emprego, e pola posta en marcha dunha tarifa eléctrica industrial galega (como fai Euskal Herria) para reducir os custes enerxéticos da nosa industria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.