Máis de 300 persoas do ámbito marítimo-pesqueiro formáronse no último ano grazas á estratexia de crecemento azul do porto de Vigo

O proxecto de mellora das competencias ligadas ao ámbito marítimo-pesqueiro está financiado pola Fundación Biodiversidade a través do programa EMPLEAVERDE.
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Mar,Vigo

Máis de 300 persoas do ámbito marítimo-pesqueiro formáronse no último ano grazas á estratexia de crecemento azul do porto de Vigo
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique C. López Veiga, inauguraron esta tarde a última acción prevista este ano no calendario do proxecto de mellora das competencias ligadas ao ámbito marítimo-pesqueiro.
 
Financiado pola Fundación Biodiversidade a través do programa EMPLEAVERDE, o proxecto, que arrincou en novembro de 2017, xa formou a un total de 370 persoas a través de 1.250 horas de actividades formativas.
 
O proxecto de mellora das competencias ligadas ao ámbito marítimo-pesqueiro está enmarcado na estratexia Blue Growth do Porto de Vigo, dentro do grupo de traballo de formación. Coordinado pola Autoridade Portuaria de Vigo, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro @de la Xunta de Galicia e o apoio dos Campus de Excelencia Internacional de Vigo e Huelva, ademais da Autoridade Portuaria de Huelva.
 
Entre as accións formativas levadas a cabo no último ano destacan os cursos sobre o cambio climático, medio ambiente e eficiencia enerxética, o programa sobre capacitación de operacións portuarias e a capacitación de persoal directivo do ámbito portuario en industria 4.0.
 
No que respecta a asesoramento laboral, traballouse sobre multitude de aspectos como a adaptación dos traballadores do ámbito portuario á industria 4.0, as últimas modificacións do marco xurídico das relacións laborais no sector da estiba portuaria e a súa relación coa formación, a responsabilidade social empresarial, a certificación da experiencia profesional no ámbito das mariñas deportivas, a internacionalización da investigación mariña, o potencial da formación profesional en buques oceanográficos, a xestión de persoas a bordo, a cooperación ao desenvolvemento e o sector pesqueiro e a Armada e o seu papel nas relacións internacionais, entre outros tantos.
 

Última xornada do ano

 
A xornada de asesoramento que tivo lugar esta tarde no Edificio Cambón Illas Atlánticas sobre o papel da muller no sector marítimo-pesqueiro, contou coa colaboración de expertos do ámbito académico, da administración e do sector empresarial, para abordar o asunto desde todas as súas dimensións.
 
Dirixida fundamentalmente a traballadores/as que desenvolven as súas carreiras no ámbito marítimo-pesqueiro, reflexionouse sobre cales son os obstáculos que impiden nalgúns casos o desenvolvemento e promoción de carreiras profesionais para as mulleres no ámbito marítimo-pesqueiro, á vez que se trasladou información e ferramentas crave aos asistentes para que poidan ser aproveitadas en beneficio do seu crecemento e estabilidade laboral.
 
A xornada contou coa participación da Doutora en Dereito e profesora titular de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Vigo, Emma Rodríguez, que reflexionou sobre as condicións laborais e sociais das mulleres traballadoras do mar desde a perspectiva xurídica, tras o que se celebrou unha mesa redonda na que participaron mulleres que desenvolveron carreiras profesionais de éxito no ámbito marítimo-pesqueiro e que trasladaron aos asistentes as súas experiencias. Entre elas, a Xefa de Área de Explotación da Autoridade Portuaria de Vigo, Dores Rois; a Xerente da Asociación de Comercializadores de Peixe de Vigo (ACOPEVI), Marisol Landriz; a Presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA) e ex Patroa Maior de Arcade, Rita Míguez; a Presidenta da Asociación Profesional de Redeiras de Cangas, Pilar Nogueira; e a Coordinadora Internacional da Federación de Traballadores do Transporte (ITF), Luz Baz.

Comentar noticia

Your email address will not be published.