Máis de 500 nenas e nenos galegos beneficiáronse das doazóns realizadas por máis de 330 mulleres aos bancos de leite do Sergas

Almuiña destaca o labor dos bancos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, do Álvaro Cunqueiro e do centro receptor do hospital de Ferrol, e a posta en marcha da Comisión de Lactación Materna
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Sanidad

Máis de 500 nenas e nenos galegos beneficiáronse das doazóns realizadas por máis de 330 mulleres aos bancos de leite do Sergas

Máis de 500 nenas e nenos galegos enfermos ou prematuros beneficiáronse das doazóns de leite realizadas por máis de 330 mulleres aos bancos de leite do Servizo Galego de Saúde ao longo destes preto de tres últimos anos. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na inauguración do X Congreso Español de Lactación Materna-IHAN, onde tamén puxo en valor o labor que ao longo deste tempo levan realizando ditos bancos de leite, o do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Ademais do labor destes dous bancos de leite, o titular da carteira sanitaria destacou a do centro receptor do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que rexistrou dende novembro pasado a doazón de 60 litros de leite materno a través dunha decena de mulleres, o que supón un tercio do recibido no banco do CHUS. O complexo hospitalario ferrolán actúa dende novembro de 2018 como centro receptor, posibilitando que as nais que queiran doar o seu leite ao banco do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago poidan facelo sen necesidade de trasladarse a Compostela, como ocorría ata entón.


Ademais, e dende o pasado mes de marzo, o Sergas activou na Xerencia de Ferrol a Comisión de Lactación Materna, formada por 19 profesionais de diversos ámbitos (pediatría, enfermería obstétrico xinecolóxica, centros de saúde, cirurxía, tocoloxía, obstetricia e partos, anestesia, farmacia) e representantes da Asociación BBTTA. A través da mesma insístese nos beneficios que o leite materno ten nos bebés nados con baixo peso ou prematuros á hora de reducir patoloxías, mellorar a súa tolerancia alimentaria ou diminuír o risco de sepses.

Tras agradecer o labor solidaria e altruísta das nais doadoras e a implicación do persoal sanitario na promoción da lactación materna e no contacto pel con pel co bebé nada máis nacer, Almuiña subliñou a importancia que ten o establecemento do vínculo cos proxenitores na vida dun neno e o impulso esencial que este xoga no desenvolvemento cerebral. Neste senso, o titular de Sanidade dixo sentirse orgulloso de que todas as unidades neonatais do Sergas faciliten a entrada das nais, dos pais e do resto da familia ou outros coidadores as 24 horas do día.

Acreditación internacional IHAN

Galicia conta na actualidade cun hospital reacreditado como IHAN, o do Salnés. Trátase dunha distinción internacional que se outorga aos centros que cumpren cos requisitos sobre protección, promoción e apoio á lactación materna recomendados pola Organización Mundial da Saúde e Unicef. “Sen dúbida, un referente en boas prácticas na atención ao parto e ao nacemento e na promoción da lactación materna”, dixo Almuiña. Nesta liña, o conselleiro engadiu que outros centros de saúde e hospitais da rede sanitaria pública están iniciando o camiño para lograr esta acreditación. “Algúns deles xa están acreditados en fase 1”, recalcou o titular da carteira sanitaria galega.

Comentar noticia

Your email address will not be published.