Máis de 8.700 vacinas foron administradas nos centros de vacinación internacional do Sergas no primeiro semestre do ano

A Dirección Xeral de Saúde Pública lembra adoptar medidas preventivas, especialmente en viaxes internacionais, onde as condicións sanitarias sexan precarias
Por o 03/08/2019 | Sección: Sanidad
Máis de 8.700 vacinas foron administradas nos centros de vacinación internacional do Sergas no primeiro semestre do ano
Compartir en:

Os profesionais sanitarios dos doce centros de vacinación internacional do Servizo Galego de Saúde, ubicados nos seus hospitais, administraron un total de 8.703 vacinas nos seis primeiros meses deste ano. Nos centros de vacinación da provincia da Coruña administráronse 3.587 vacinas, 2.104 nos de Lugo, 838 nos Ourense e 2.174 nos da provincia de Pontevedra.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade lembra programar as saídas cun ou dous meses de antelación, especialmente no caso de visitar áreas tropicais ou subtropicais de maior risco, onde xeralmente as condicións sanitarias son precarias.

No caso de precisar algunha vacina ou medida especial é importante solicitar unha cita con antelación no centro de vacinación internacional máis próximo. Ademais, convén lembrar algunhas recomendacións, sobre todo se se trata de viaxes a sitios tropicais, para evitar insolacións ou deshidratacións. É imprescindible beber moita auga e protexerse con lentes de sol, así como utilizar cremas solares e locións antimosquitos. Respecto á roupa, compre escoller prendas e calzado axeitado segundo o destino e duración da viaxe.

En canto ás comidas, o conveniente é tomar alimentos cociñados, tendo moita precaución coas salsas, peixes ou alimentos con ovo. No consumo de froita, hai que optar sempre pola que se poida mondar e evitar as ensaladas e xeados caseiros, a non ser que se coñeza a súa orixe. Tamén é importante beber auga embotellada e non consumir xeo que non fose preparado con auga segura.

Doutra banda, no caso de manter relacións sexuais cunha parella non habitual, cómpre utilizar sempre preservativo para previr enfermidades de transmisión sexual. Tamén convén prestar atención á caixa de urxencias de viaxe e, en caso necesario, levar a medicación recomendada.

Informar ao médico en caso de enfermidade

Na actualidade, millóns de persoas viaxan cada ano dende España ao estranxeiro. Delas un gran número, van a zonas tropicais, lugares onde o risco de determinadas enfermidades é máis alto.

A Consellería de Sanidade lembra que algunhas enfermidades tropicais non se manifestan inmediatamente, e poden presentarse bastante tempo despois do regreso. Deste xeito, no caso de que se necesite acudir ao médico, deberáselle informar de que realizou unha viaxe nos últimos doce meses a unha zona tropical ou país en vías de desenvolvemento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.