Máis de 800 persoas participarán en tres novas oposicións para acceder a un posto de traballo na Xunta

Ademais, outras 76 participarán en oposicións de promoción interna para progresar no súa carreira profesional
Publicado por o día 13/01/2019 na sección de Economía

Máis de 800 persoas participarán en tres novas oposicións para acceder a un posto de traballo na Xunta

Un total de 807 persoas participarán nalgunha das tres novas oposicións convocadas pola Xunta de Galicia para acceder a un posto de traballo na Administración Autonómica. Ademais, outras 76 foron admitidas para participar en oposicións de promoción interna, co obxectivo de progresar na súa carreira profesional. As 36 prazas convocadas permitirán reforzar áreas relacionadas coas finanzas, a informática e as tecnoloxías da información.

O vindeiro mércores, 16 de xaneiro, está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das resolución da Dirección Xeral de Función Pública polas que se aproban e se dan a coñecer as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas nestas oposicións.

Estes procesos selectivos forman parte da maior convocatoria simultánea de oposicións realizada pola Xunta nos últimos anos, que inclúe 18 procesos selectivos e un importante número de prazas en quenda libre en distintas áreas da Administración galega.

As convocatorias destas oposicións publicáronse nos DOG do sete e oito de marzo de 2018. Para a escala superior de finanzas, convocáronse seis prazas pola vía de acceso libre, con 183 persoas admitidas e sete excluídas; para a escala técnica de finanzas, hai 10 prazas –sete de libre acceso e tres de promoción interna- con un total de 475 aspirantes admitidos e 31 excluídos; e para a escala de sistemas e tecnoloxías da información convocáronse catro prazas –unha de promoción interna- con 168 admitidos e 9 excluídos.

Por outra banda, convocáronse pola vía da promoción interna, oito prazas na escala de sistemas e tecnoloxías da información cun total de 20 aspirantes admitidos e unha persoa excluída; e outras oito prazas tamén de promoción interna para a escala de xestión de sistemas de informática con 37 admitidos e tres excluídos.

Consulta das listaxes

As relacións de admitidos e excluídos poderanse consultar no portal web da Xunta. No caso das persoas excluídas figurará a causa de exclusión. Ademais, a listaxe definitiva de persoas aspirantes excluídas, tamén con indicación da causa determinante da súa exclusión, figurará como anexo das resolucións que se publicarán no DOG