Máis de duascentas persoas participaron no torneo nocturno de fútbol sala Don Bosco que cumpre un lustro de vida

Máis de catorce horas de xogo initerrumpido permitiron desenvolver o torneo con máis de trinta equipos organizado polo Centro Xuvenil Abertal
Por o 31/01/2019 | Sección: Deportes,Galicia,Vigo
Máis de duascentas persoas participaron no torneo nocturno de fútbol sala Don Bosco que cumpre un lustro de vida

Na tarde, noite e madrugada dos pasados venres e sábado, 25 e 26 de xaneiro respectivamente, desenvolveuse nas instalacións de Salesianos-María Auxiliadora a quinta edición do torneo de fútbol sala organizado polo Centro Xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Máis de duascentas persoas, de quince anos en diante formalizaron primeiro e xogaron despois este xa senlleiro torneo do mes de xaneiro. En orde á organización e artellamento do mesmo, a entidade viguesa conta coa colaboración da ANPA do Colexio María Auxiliadora, da Asociación de Antigos Alumnos, e doutras entidades veciñas.

O saque de honra foi realizado por Joaquín Nieto, salesiano e director da presenza salesianas e por Ángela Landín, presidenta da asociación Abertal cando o reloxo marcaba as seis da tarde, iniciando con el a sucesion initerrumpida dos partidos.

“A gran cantidade de equipos é unha boa noticia, aínda que alonga a xestión do torneo e, ás veces, pide por parte de quen organizamos a necesidade dunha meirande fluidez de comunicación para facer que sexa posible desenvolver todos os partidos” –asegura Isaac González un dos organizadores do mesmo.

A fase de grupos rematou pasadas xa as cinco da mañá e deu paso as eliminatorias que se prolongaron ata preto das oito da mañá, hora á que tivo lugar a final.

Os trofeos foron financiados polas entidades citadas anteriormente e entregados á hora na que concluiu o torneo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.