Máis do 80% do persoal de SEAGA quedará excluído das listas se non se muda o criterio de puntuación

O persoal concentrouse esta mañá diante de Medio Rural para exixir unha solución
Publicado por o día 14/01/2019 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Máis do 80% do persoal de SEAGA quedará excluído das listas se non se muda o criterio de puntuación

Traballadoras e traballadores de SEAGA concentrábanse esta mañá diante da consellaría de Medio Rural para manifestar o seu rexeitamento á modificación do decreto de listas, que deixaría a aproximadamente o 80% do persoal excluído a pesar de levar, unha elevada porcentaxe, máis de 12 anos participando en tarefas de prevención e extinción. Ademais, con esta mobilización pretendíase forzar unha xuntanza con Función Pública para intentar achegarlle as súas demandas e un outro sistema de baremación máis xusto.

Segundo explicou a representante da CIG-Servizos, Diana Rodríguez, nas xuntanzas celebradas hai uns meses con Función Pública esta comprometerase a modificar o sistema de baremación co que “bascularía, practicamente todo o cadro de persoal, cara esas listas”. Porén, a realidade é que a proposta apunta a todo o contrario, xa que das/os 500 traballadoras/es, a maioría quedarían sen traballo como bombeiros/as forestais. “Un capital humano e profesional que non se pode tirar ao lixo”, explicou Rodríguez, quen asegurou que “non sabemos sequera que van facer co persoal que non entre pola lista da Xunta”.

Por iso demandaron unha xuntanza urxente con Función Pública. “Prometeron que no habería despedimentos pero, a día de hoxe, vista a pouca fiabilidade das promesas do Director Xeral cremos que mesmo podería haber un ERE de extinción e mandar a este persoal para a rúa”.

Ademais, a mobilización estaba convocada para hoxe porque se prevé que este mércores haxa unha xuntanza da Mesa de Función Pública na que se fixe o criterio de puntuación para as listas e “queriamos adiantarnos para intentar que nos recibiran, porque o diálogo ten que darse antes desa mesa”.

Diana Rodríguez denuncia que coa previsión de modificación do decreto o sistema de puntuación vai ser “totalmente arbitrario e inxusto”. Afirma que non se pode facer un cálculo exacto das persoas que quedarían excluídas porque “mesmo dependerá do distrito porque ao mellor con 3 anos de experiencia só en SEAGA poden entrar e outra xente que leve dez anos quede fóra”.

Ademais, advertiu, os postos de traballo que se extingan serán os de Seaga porque seguirán como brigadistas dos os concellos os que non entren na Xunta.

“Que vai pasar co noso futuro?”

Diante disto, o presidente do comité de empresa da provincia da Coruña, Peter Brea, demanda respostas e saber “que vai pasar co noso futuro, porque non o sabemos a día de hoxe”. Sinala que as pretensións que tiña o colectivo eran traballar pero “estanse rebaixando e ao final o que imos ter é un timo e imos estar na rúa dentro duns meses, cando comece a campaña”.

Brea lembra que agora mesmo os concellos están puntuando, mentres que Seaga non, malia estar traballando “dentro do lume e dentro da administración”. Por iso di “non entender” cal é o criterio, porque “se atendemos a criterio de calidade de servizo temos unha formación durante estes doce anos, unhas aptitudes e unha actitude que refrendan o noso traballo e non entendemos como se pode desperdiciar ese capital humano que agora mesmo é o que está apagando o lume”.

Ademais advirte que Seaga quedará cunha carga de traballo mínimo porque tiñan sobre a mesa a promesa da consellaría do Decreto de franxas, polo cal estaba previsto, e orzamentado, “desbrozar todas as franxas secundarias das aldeas deste país que teñen perigo de incendio pero non se fixo nada aínda”.