Máis dun cento de rapazas e rapaces viaxan no tempo da man do Campus Camp

O campamento de verán busca conciliar a vida laboral coa familiar da comunidade universitaria
Por o 05/07/2017 | Sección: Universidade de Vigo
Máis dun cento de rapazas e rapaces viaxan no tempo da man do Campus Camp

Como todos os veráns as e os máis pequenos da casa invadiron o campus. O luns 26 de xuño, o Campus Camp comezou unha viaxe polo tempo, na que as nenas e nenos participantes arrancaron o seu percorrido na Idade Media para rematar en setembro no futuro, pasando antes por outras épocas como a Antiga Roma ou ás décadas de 1920 e 1970. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria busca con esta iniciativa, que puxo en marcha en 2004, mellorar a conciliación do ámbito laboral ou estudantil co familiar durante as vacacións estivais dos máis pequenos da casa. Por iso, ofrece unha alternativa ás fillas e fillos, de entre tres e doce anos, dos membros da comunidade universitaria para que, durante os meses de xuño, xullo e setembro, poidan gozar dun campamento estival cun programa variado que mestura actividades docentes e lúdicas.

O Campus Camp acadou no mes de xuño 75 participantes, número que se repetirá nas primeiras semanas de setembro. Así e todo, o período con máis inscritas e inscritos é agora, a primeira quincena de xullo, “cando acadamos os 120 nenas e nenos e xa na segunda quincena a cifra baixará a 100”, sinala Sara López, coordinadora do Campus Camp por segundo ano consecutivo. Para unha mellor atención e adaptación ás actividades do programa, como noutras edicións, as rapazas e rapaces están divididos en catro grupos de idade, entre 3 e 4 anos, 5 e 6 anos, de 7 a 9 anos e de 10 a 13. Os máis pequenos son os menos numerosos, mentres que nos dous grupos de maiores “hai máis de 40 rapaces en cada un, o que supón dous terzos do total de participantes”, segundo explica a coordinadora. As e os participantes son practicamente os mesmos que o ano pasado e “isto é un aspecto moi positivo”, xa que, como ben indica Sara López, “permite que todas e todos coñezan as dinámicas e as actividades sexan máis fluídas a diferenza do ano pasado, cando eran novos e as primeiras semanas custou un pouco máis arrancar”.

Itinerario dunha viaxe polo tempo

Esta edición, ao centrarse nunha viaxe polo tempo, presenta unha división temporal na que cada semana do campamento correspóndese cunha época; así, a primeira semana as rapazas e rapaces trasladáronse á Idade Media; a segunda, viaxan á Roma Antiga; a terceira, aos anos 20; a cuarta, ás décadas de 1970 e 1980 e na quinta vivirán na actualidade para, desde alí, visitar o futuro na derradeira semana, antes do inicio do curso escolar. Como explica Sara López, a temática das viaxes, empregada por segundo ano, permite a realización de actividades moi dinámicas e de preparación sinxela relacionadas co contido dese momento. Ademais, os venres, como colofón, celébrase o Gran xogo, unha actividade que as propias nenas e nenos encárganse de organizar o resto do tempo. “A semana pasada, estabamos na época medieval, polo que o Gran Xogo consistiu nun mercado; esta semana, estando na Roma Antiga, estamos organizando unhas Olimpíadas; e, o próximo venres, nos anos 20, haberá un casino”, apunta a coordinadora.

Unha iniciativa positiva para todos

O campamento comeza ás 8.00 horas da mañá nas quendas de xuño e setembro e ás 8.30 horas en xullo e pon fin á súa xornada ás 15.00 horas, neste espazo de tempo as nenas e nenos potencian as súas calidades físicas, a través de actividades deportivas como fútbol, baloncesto, xincanas e xogos acuáticos e tamén as súas habilidades creativas e intelectuais grazas aos traballos manuais, aos xogos musicais e á danza, ás clases de inglés e ás proxeccións de cinema. Non obstante, as rapazas e rapaces non son os únicos que aproveitan este tempo de lecer, a propia coordinadora destaca esta experiencia como un feito moi positivo para ela, pois “era a primeira vez que coordinaba unha actividade desta magnitude e está saíndo moi ben. Teño un equipo de monitores incrible, hai moi bo ambiente, o que axuda a levar ben os rapaces e rapazas”, explica Sara López.