Máis dun milleiro de persoas percorre as rúas de Vigo ao berro de “Feijóo, atende, Povisa non vende”

O comité de empresa e SOS Sanidade Pública reclámanlle á Xunta que adquira o hospital
Publicado por o día 25/10/2019 na sección de Galicia,Protestas,Sanidad,Sindicatos,Vigo

Máis dun milleiro de persoas percorre as rúas de Vigo ao berro de “Feijóo, atende, Povisa non vende”

Máis dun milleiro de persoas convocadas polo comité de empresa de Povisa e a plataforma SOS Sanidade Pública percorreron onte as rúas de Vigo en manifestación para rexeitar a venda do hospital a unha aseguradora estadounidense e reclamarlle á Xunta que o adquira para garantir a xestión pública dun “recurso asistencial vital” para a área sanitaria da comarca.

Durante a marcha, que uniu a Praza dos Cabalos coa Praza da Independencia tras pasar por Gran Vía, rúa Salamanca e Pintor Colmeiro -con parada diante de Povisa-, berráronse consignas como “Feijóo, atende, Povisa non se vende” ou “Conselleiro, escoita, a sanidade está en loita”.

Ao remate tomou a palabra María Xesús Neira, a representante da CIG no comité de empresa, que leu un manifesto no que se alertaba de que a compra de Povisa por parte dunha aseguradora estadounidense supón unha grave ameaza para a nosa sanidade pública. “Temos que converter esa ameaza en oportunidade, a oportunidade de que toda a cidadanía da nosa área teña un hospital público de referencia”, indicou.

Lembrou que a Xunta pode, en base ás axudas continuadas a este centro privado, non autorizar a venda e exercer o seu dereito a unha compra polos 24 millóns de euros polos que oficialmente se vende, cantidade que podería afrontar coa cuarta parte do Fondo de Continxencia da Xunta, que é de case 80 millóns, co que evitaría o endebedamento.

Ao mesmo tempo, advertiu que a aseguradora estadounidense Corporación Centene (propietaria de Ribera Salud, empresa que adquirirá Povisa) xa ten demostrado que non é de fiar:

-A Consellería de Sanitat Valenciana detectou no Hospital de Alzira, do grupo Ribera Salud, sobre custos de 2,6 millóns de euros por irregularidades na atención de urxencias, por facturas infladas e por dobre facturación.

-A Fiscalía de Valencia solicitou a imputación dos principais directivos desta compañía por cobrar comisións por vendas de material sanitario dos seus provedores que trasladaba á Administración valenciana.

-O informe da Intervención Xeral 2003-2012 da Comunidade Valenciana denunciou problemas de opacidade, ausencia de control e mesmo conivencia da Generalitat coas empresas adxudicatarias.

-A aseguradora Centene pechou a súa filial Kentucky Medicaid coa que xestionaba o servizo de saúde dese Estado, despediu a todo o seu persoal e cesou a súa actividade deixando sen servizo sanitario a 140.000 pacientes. A compra de Povisa por Centene incrementa o risco de privatización da sanidade publica galega dado o enorme peso e poder desta multinacional aseguradora, moi superior ao dos actuais donos de Povisa, xa que Centene ocupa o posto número 51 das empresas máis potentes dos Estados Unidos.

– Este xigante pretende cambiar o noso modelo sanitario ao anunciar que aposta por un modelo de xestión onde a Administración financia, controla e é a dona do sistema; mentres eles operan como unha ‘franquía’ que asegura a “boa xestión”.

Ademais, sinalou que Ribera Salud comparte negocios con Concessia, que forma parte das empresas accionistas da concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro, o que supón que a totalidade da atención hospitalaria de Vigo estea controlada por esta empresa (monopolio do servizo sanitario público de Vigo).

Diante disto, explicou que aínda que Povisa tivo unha gran capacidade para influenciar as decisións e recursos da sanidade pública de Vigo, Centene terá aínda máis poder para condicionar e chantaxear a Administración sanitaria pública. “É impensable que despois dos tres a cinco anos de vixencia que restan do concerto actual, Centene acepte rematalo”.

“Tamén é impensable que nestes anos a Consellería de Sanidade dote a sanidade pública dos recursos suficientes para poder asumir a atención das 137.000 persoas que Povisa atende na actualidade. Unha multinacional non inviste nun hospital en perdas, polo que é previsible que, cando consolide a súa posición, adopte algunhas medidas para manter o negocio”:

-Reducir persoal aplicando un ERE e recortar as súas condicións salariais e laborais.

-Reducir oferta e calidade das prestacións a súa poboación de referencia. Para conseguir este obxectivo é previsible que pretenda facerse cos centros de saúde da área para controlar o fluxo de pacientes ao seu hospital.

-Obter novas axudas públicas como vén facendo desde sempre Povisa pola súa conivencia coa Administración. Axudas como as que veñen de anunciar: un acordo que custará un millón de euros, para que Povisa faga intervencións cirúrxicas da lista de espera da EOXI de Vigo. Cando Povisa ten unhas listas de espera moito maiores que a EOXI, polo que isto supón un premio á ineficiencia. Ese millón de euros tería que ir destinado á sanidade pública para que reforzara a súa capacidade asistencial e poder recortar así a súa propia lista de espera.

Por todo isto, dende o comité de empresa e SOS Sanidade Pública consideran “máis que razoable” que o Sergas non autorizase esta venda á Corporación Centene e que exercese o seu dereito de compra en base ao interese xeral para a saúde pública de Vigo, “para defender os postos de traballo e a calidade asistencial xa desde o ámbito do público”.

Polo tanto, rexeitan a compra por unha contía mínima e denuncian a perda de oportunidade da Xunta de adquirir Povisa por 24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo. “A compra de Povisa por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.