Mañá abre o prazo de inscrición nos cursos destinados a profesionais do tempo libre para a adaptación á nova situación poscovid

Esta primeira edición do curso contará con 500 prazas que se adxudicarán por rigoroso orde de inscrición
Publicado por o día 28/06/2020 na sección de Formación,Xunta de Galicia

Mañá abre o prazo de inscrición nos cursos destinados a profesionais do tempo libre para a adaptación á nova situación poscovid

A Xunta abrirá mañá o prazo de inscrición para os cursos de formación destinados á profesionais do tempo libre para adaptarse á nova situación poscovid. A través desta acción formativa gratuíta e en liña, ofreceranse coñecementos básicos para que as persoas que traballan no ámbito do tempo libre poidan coñecer e aplicar correctamente as medidas hixiénico-sanitarias vixentes, ofrecer as pautas necesarias que lles permitan adaptar as actividades ao novo escenario, así como coñecer o protocolo que cómpre seguir ante un posible caso de covid-19.

Esta primeira edición contará cun total de 500 prazas que se adxudicarán por rigoroso orde de inscrición. O curso comezará o 3 de xullo, polo que o prazo de inscrición rematará o mércores 1 de xullo e poderá facerse a través da páxina web voluntariadogalego.org.

A duración da formación será de dez horas e estará aberta a todas as persoas profesionais ou voluntarias que traballen directamente nas actividades de tempo libre, así como a todas aquelas persoas que formen parte de organizacións e entidades que organicen deste tipo en Galicia, priorizando a monitores e directores de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e directores de campos de voluntariado.

O curso terá como base o documento de recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre para a súa adaptación á situación provocada pola COVID-19, que foi elaborado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración cun grupo de traballo plural de representantes do sector, e visado polas autoridades sanitarias.

Catro módulos

As persoas participantes deberán superar un cuestionario por cada un dos catro módulos que conforman o curso —virus respiratorios emerxentes, medidas persoais de prevención e hixiene, medidas nas instalacións e medidas nas actividades— para ter dereito á expedición do certificado acreditativo da formación.

O obxectivo é que as actividades de lecer educativo se poidan desenvolver de maneira segura e con todas as garantías para as persoas participantes, así como para o equipo técnico, ofrecendo a formación sobre as boas prácticas e pautas necesarias a seguir por parte dos profesionais do sector.