Mañá abre o prazo de solicitudes para poder pescar lamprea nas augas do río Tea durante a próxima tempada

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se regula a práctica da pesca desta especie e se establece para o 15 de xaneiro a celebración do sorteo para a adxudicación dos postos de pesca para a colocación das estacadas
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Galicia

Mañá abre o prazo de solicitudes para poder pescar lamprea nas augas do río Tea durante a próxima tempada

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá a partir de mañá o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así se recolle na Orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada de 2021.

O período hábil estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 8,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata as 08,00 horas do día seguinte.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado.

Así, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo, que nesta ocasión terá lugar o próximo 15 de xaneiro no refuxio da Freixa (Ponteareas), ás 11 horas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir de mañá. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.

Ademais, como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.