Mañá preséntase en Vigo a exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’

Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Mañá preséntase en Vigo a exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, preséntase mañá día 13 de xuño en Vigo, na galería Apo’strophe.arte.

FEGADACE e Alento Asociación de Dano Cerebral convidan a asistir ao acto de presentación da mostra. Vaise proxectar o vídeo que complementa o proxecto ‘Punto e seguido’ e haberá diferentes intervencións que achegarán un maior contexto sobre o que implica, hoxe en día, ter dano cerebral adquirido. Especialmente importante é a descrición en primeira persoa que vai achegar María Jesús Lage, usuaria de Alento.

A mostra leva exposta en Apo’strophe.arte desde o 3 de xuño, e poderase ver ao longo de todo o mes, ata o 3 de xullo.

Proxecto ‘Punto e seguido’

A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro da Federación. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia… en definitiva, a vida despois do “punto e seguido” que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Tanto as imaxes como o vídeo ‘Punto e seguido’ foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a organización da exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Acto aberto

O acto é completamente aberto. Do mesmo modo, está permitida a toma de imaxes e gravación en audio e vídeo dos contidos do mesmo.

Data: Xoves, 13 de xuño

Hora: 12:00

Lugar: Sala Apo’strophe.arte (Centro Comercial Plaza Elíptica – Vigo)