Mañá reúnese a mesa de coordinación de accións post-incendios como primeiro paso na toma de decisións técnicas sobre o territorio

Será un foro no que se persegue principalmente dar resposta de xeito consensuado e dende todos os ámbitos ás consecuencias das lapas sobre o territorio
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de Eventos

Mañá reúnese a mesa de coordinación de accións post-incendios como primeiro paso na toma de decisións técnicas sobre o territorio

A Consellería do Medio Rural convoca para mañá luns 23 de outubro a mesa de coordinación de accións técnicas post-incendios como primeiro paso na toma de decisións técnicas trala vaga de lumes da última fin de semana. Este será o foro no que se analicen os incendios e mailas primeiras actuacións a levar a cabo.

Este encontro técnico estará presidido pola propia conselleira Ángeles Vázquez e terá carácter multidisciplinar con preto de 40 persoas pertencentes a distintas consellerías. Así, ademais de Medio Rural, con responsables do servizo de prevención e extinción de incendios, de fomento forestal e das catro provincias galegas, tamén haberá persoal da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; de Medio Ambiente con portavoces de Augas de Galicia; e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Tamén acudirá persoal da Consellería de Sanidade, de Política Social e do Mar. Todos os responsables aportarán a información recabada polos técnicos especializados de cada área ao longo da semana durante as inspeccións de viso realizadas.

Deste xeito, preténdese abordar a afectación do lume desde todas as perspectivas e darlle unha solución consensuada e axeitada desde os diversos ámbitos. A través desta mesa comezarase a articular un plan que dea resposta ás necesidades das zonas afectadas, desde a actuación sobre os terreos para evitar o arrastre de cinzas e as medidas para a recuperación da vexetación, ata o control da calidade da auga.

A intención da Xunta é iniciar canto antes as actuacións necesarias para evitar ou paliar na medida do posible as consecuencias das lapas sobre o territorio galego a nivel técnico. A cita terá lugar mañá día 23, ás 9.30 horas no salón dous da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (no edificio da pirámide).