Manifestación en Vigo co lema ‘A complicidade institucional é violencia criminal’

Publicado por o día 24/11/2017 na sección de Galicia,Protestas,Vigo

Manifestación en Vigo co lema ‘A complicidade institucional é violencia criminal’

O sabado 25N ‘Día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres e as nenas’ o Movemento Feminista unitario en Vigo, convoca unha manifestación con saída ás 20:00h da Farola e remate na Porta do Sol, co lema ‘A complicidade institucional é violencia criminal’

No ano 2017 no Estado Español houbo 80 asasinatos machistas, deles 4 na Galiza.

“As mulleres nesta sociedade sufren unha situación de indefensión ante a violencia machista e o asasinato por parte dos homes porque a orixe destes asasinatos está no Patriarcado e no concepto de posesión que os homes teñen sobre as mulleres.

A cultura da violación está presente na nosa sociedade sendo unha mostra máis do Patriarcado, tal como estamos a ver no xuizo que está a celebrarse pola denuncia de violación nos San Fermins. É un sinal do machismo que asasina, viola, vende, merca corpos e os mercantiliza.”

“Tres mulleres cada dia denuncian unha violación. Esta é a parte máis visible da pirámide do machismo, son os casos máis graves nunha sociedade onde o acoso sexual está á orde do día. Educadas nun contexto no que a muller considérase como inferior e sen dereito a estar en espazos até agora prohibidos como a rúa, a noite ou a festa.”

Desde o movemento feminista convidan ás mulleres e a toda a cidadanía de Vigo a que se una a esta manifestación para amosar na rúa o rechazo máis profundo ás violencias machistas.