Manifesto, acto de rúa, unha mañá sen praia, para acadar vivenda digna para todas

Por o 03/07/2018 | Sección: Galicia,Vigo
Manifesto, acto de rúa, unha mañá sen praia, para acadar vivenda digna para todas

EN DEMANDA DE UN PARQUE DE VIVENDAS PÚBLICAS EN ALUGUER SOCIALUNHA MAÑÁ SEN PRAIA

DÍA 3 DE XULLO, 11:00H, PRAZA DA PRINCESA

Benqueridas amigas e amigos, hoxe voltamos aquí, as organizacións PAH VIGO-TUI BAIXOMIÑO, RSP VIGO  e Os Ninguéns, despois das múltiples xestións levadas a cabo co concello de Vigo e a Xunta de Galicia sobre a situación de pobreza que se está a dar na cidade,  de maneira especial en relación coa vivenda, acollemento residencial, ou solucións habitacionais para persoas que non cubren as súas necesidades básicas, facendo finxcapé de maneira máis urxente nas persoas asalariadas empobrecidas, nas persoas perceptoras da Renda de Integración social de Galicia (RISGA), das pensións non contributivas (PNCs), da Rendas activas de Inserción (RAIS), as pensións de viuvedade, e achegamentos de pequeñas axudas coxunturais que non son en ningún caso suficientes para acceder ou permanecer en vivendas en réximen de aluguer.

É ben sabido, que ás persoas describidas, cando tentan alugar unha vivenda se lles pide unha nómina que acredite un salario solvente, normalmente indefinido, amáis dun aval bancario, e cando se informa de que son perceptoras de axudas sociais case sempre se lles denega esa posibilidade de alugar.

Consideramos que ante os índices tan altos de pobreza, en Vigo 61.000 persoas, en Galicia cerca de 700 mil, estaría totalmente xustificado que as administracións, tanto a Xunta como o Concello pactasen poñer en marcha un parque de vivendas públicas en aluguer social, suficiente, amplo, estable, para que ningunha persoa ou familia teña que malvivir en infravivendas, pisos patera, infrapensións, ou mesmo para evitar a disgregación das unidades familiares que vense obrigadas a deixar os seus pisos por impago de aluguer e distribuirse os seus membros noutros núcleos familiares ou en casa de amizades; para evitar o proceso xudicial, que leva aos dramáticos desafiuzamentos, situación terrible que se da con demasiada frecuencia e que provoca nas persoas desafiuzadas un alto estado de angustia, de ansiedade, de insomnio, de estados depresivos e nalgúns casos, a claudicación total de seguires loitando, ao observar que as administracións públicas non teñen respostas eficaces, eficientes, e urxentes que lles sirvan de rede de seguridade.

Con estas toallas multicores estamos a facer un chamamento á sensibilización pública sobre a grave situación describida, queremos conseguir entre todas unha sociedade máis xusta, tolerante, e transformadora, na que non existan desaloxos sen realoxos, na que non exista ninguén sen acceso á vivenda, un dereito fundamental e constitucional que non se está a protexer, o que é gravísimo e entre todas temos que conseguir dunha vez por todas que se priorice na axenda política.

Mediante as consignas con linguaxe de signos pretendemos recordar que precisamos ser inclusivos e asegurar que ninguén se quede fora de participar na loita social.

Con estes balóns, cos que estivemos a xogar, manténdoos no aire, representamos a actitude das institucións públicas, que ante estas situación simplemente botan balóns fóra, ou din, a pelota está no teu tellado, ou a manteñen no aire sen poñer os pés na terra, na realidade de que son eles, quenes deben traballar para garantir o dereito á vivenda segura e estable.

Moitísimas grazas por asistir a apoiar esta causa, seguiremos saíndo xuntas á rúa para sinalar a nosa repulsa a esta falta de resposta ás emerxencias sociais habitacionais.