Manifiesto do Ateneo Atlántico pola cultura en Vigo

Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Cultura,Galicia,Social,Vigo

Manifiesto do Ateneo Atlántico pola cultura en Vigo

O Ateneo Atlántico de Vigo, consciente da enorme fenda que a pandemia está a provocar no tecido cultural desta cidade comunica o seguinte:

Manifestamos a nosa profunda preocupación pola grave situación que percorre o conxunto da sociedade e trasladar a nosa dor e solidariedade a todas aquelas persoas que directa ou indirectamente están a sufrir os efectos desta pandemia, mormente os afectados na súa saúde. Ao tempo, expresar o noso absoluto respecto, agradecemento e solidariedade con todas aquelas persoas e colectivos públicos e privados que están, admirablemente, loitando en primeira liña, contra o maldito Covid-19.

Esta crise de pesadelo obríganos a pór, como asociación social e cultural que somos, as nosas capacidades ao dispor de calquera solicitude que se considere posible e necesaria para contribuír a paliar e superar os efectos que se están a producir.

O Ateneo Atlántico é consciente das graves consecuencias que esta crise está a provocar no tecido cultural da cidade, xa abondo castigado con anterioridade á devastadora pandemia.

Consecuencias non moi diferentes ás que están a sufrir outros sectores e territorios que merecen toda a nosa preocupación e solidariedade; mais, conscientes das nosas limitacións e ámbito de actuación, sentímonos especialmente obrigados e comprometidos co contexto cultural da nosa contorna.

Debería resultar obvio comprender que o desenvolvemento cultural, en todas as súas manifestacións creativas, é unha das principais bases que alicerzan a convivencia das persoas nunha sociedade que aspire a súa plenitude democrática.

A Constitución contempla a Cultura como un Dereito Fundamental que os Poderes Públicos deben promover, tutelar e asegurar o seu goce a toda a cidadanía. Consideramos, pois, nestes difíciles momentos, estériles os debates sobre se a sustentabilidade económica da creación artística debe proceder da subvención pública/privada ou ben simplemente depender da lei da oferta e a demanda.

Non deixa de sorprender a inexplicable desvalorización que observamos que se ten sobre o importante beneficio económico que xera o sector cultural; máis dun 3% do PIB dun xeito directo ademais do que indirectamente crea a través do turismo, imaxe… …

Centrándonos na nosa cidade consideramos que dende xa hai moitos anos a aposta das principais institucións públicas e privadas é ben mellorable. Aposta, practicamente inexistente tanto na implantación orzamentaria coma na vontade política e social respecto ao seu compromiso co desenvolvemento cultural.

Deberiamos transformar estes momentos de reflexión colectiva nunha oportunidade que poña en valor a enorme enerxía e vitalidade que historicamente amosou, e está a amosar, o tecido cultural de base da nosa cidade; enerxía e vitalidade amosada malia carecer, en moitas ocasións, dos estímulos e apoios necesarios.

Consecuentemente coidamos precisa a maior predisposición de todos os axentes económicos, sociais e culturais da nosa contorna para lograr reverter a situación.

Chamamos pois a todas as institucións Públicas (Concello, Universidade, Deputación, Xunta, Porto, Zona Franca…) e empresas cunha forte interdependencia coa sociedade da nosa contorna (Abanca, Grupo PSA, Corte Inglés , Gadisa/Vegalsa,…) a contemplar nos seus futuros orzamentos e plans de interacción social este imprescindible investimento cara a unha sociedades máis crítica, produtiva, inclusiva, feliz e democrática.

Investimento que posibilite a optimización dos recursos culturais actualmente dispoñibles e a adaptación ou creación de espazos axeitados ás novas necesidades de eventos cunha participación máis reducida e de proximidade.

Entendemos como imprescindible contarmos coa implicación e participación da rica, competente, diversa e complexa comunidade de emprendemento cultural á hora do deseño de calquera Plan de actuación. Plan que precisa da maior transparencia e participación posible.

Apostamos pola creación de amplos lugares de encontro de todos os axentes implicados onde se poidan expresar e valorar todas as iniciativas cidadás. Coidamos necesario máis que nunca, mais non suficiente, a creación dun Consello Municipal de Cultura sen que iso supoña desbotarmos outros espazos de participación.

Vigo, 14 de maio de 2.020

Ateneo Atlántico de Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.