Manuel Bragado presentará na Biblioteca da EMAO o seu último libro “Vigo, puro milagre”

Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Manuel Bragado presentará na Biblioteca da EMAO o seu último libro “Vigo, puro milagre”

O venres 15 de novembro de 2019, ás 20:00 horas, na Biblioteca EMAO, García Barbón 5, Vigo, terá lugar a presentación do libro Vigo, puro milagre de Manuel Bragado.

Vigo, puro milagre reúne medio cento de crónicas, escritas entre a emoción biográfica e a contención política, que ensaian unha teoría de Vigo como cidade de ferro e mel, como abella da ribeira e cidade atlántica en bisbarra, celme e cifra da Galicia contemporánea. Co formato dunha guía sentimental, afastada de tópicos e saudades localistas, estes textos afondan na procura da esencia do Vigo contemporáneo, dunha cidade orgullosamente galega, volcán de dinamismos, cidade estrépito de corazón celeste, obreira, aldeá, mariñeira, amante da ansia perdida. Prosas viguesas polas que circulan os tranvías metropolitanos, a actividade e o bulir de comercios e mercados, os conflitos obreiros e os naufraxios, os traballos da ribeira e da ardora, a ledicia das festas tradicionais, as receitas de larpeiradas e noites sinaladas, as angueiras de barrios, parroquias e xentes humildes dunha cidade guindastre, contraditoria, capaz de facerse, desfacerse e refacerse coma espiral. Vigo, puro milagre!

O autor

Manuel Bragado (Vigo, 1959) é editor, mestre e activista cultural. Licenciado en Pedagoxía, traballou en Edicións Xerais de Galicia, empresa da que foi director (1994-2018). Na actualidade é orientador nos CEIP Laredo e CEIP Cedeira de Redondela. É presidente da Fundación Luzes, secretario da asociación Premios da Crítica de Galicia, membro do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia e do Instituto de Estudios Vigueses. Colaborador de Faro de Vigo, mantén dende hai dúas décadas os espazos de opinión «Campo de Granada» e «Campo do Fragoso», polos que recibiu os premios de xornalismo Gómez Román (2000) e Fernández del Riego (2014). Desde 2005 publica o blog Brétemas, polo que recibiu os premios AELG, Fervenzas Literarias e Gala do Libro Galego á traxectoria dun proxecto literario na rede (2019). Autor de varias publicacións de carácter pedagóxico e de diversos estudos sobre o estado da edición e da lectura, publicou o libro para primeiros lectores Dona Carme (1989). Vigo, puro milagre (2019) é o seu primeiro título no catálogo literario de Xerais.

O acto

No acto participarán Rafael Ojea e Fran Alonso.