Manuel Lago: “estes son os orzamentos da resignación”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda lamentou que o gasto para 2020 estea en termos reais 2.000 millóns de euros por debaixo do que había antes da crise
Publicado por o día 19/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Manuel Lago: “estes son os orzamentos da resignación”

Manuel Lago interveu en rolda de prensa esta mañá ao remate da Xunta de Voceiros, na cal se programaron os debates sobre os Orzamentos para 2020. “Estes son uns malos orzamentos: os orzamentos da resignación, da falta de ideas, da falta de iniciativas e da falta de propostas para enfrontarnos aos problemas que hoxe ten o noso país”, avaliou o voceiro do Grupo Común da Esquerda.

“Son orzamentos de resignación porque nun momento no que todos os expertos din que é necesario unha política fiscal expansiva para combater a desaceleración actual e a ameaza dunha recesión, o Goberno galego fai o contrario”, criticou Manuel Lago. “A pesar do que di o conselleiro, a realidade é que o Orzamento medra o mesmo que o PIB nominal, e polo tanto o Orzamento é neutral, non vai impulsar o crecemento. Ademais, o conselleiro fai un truco agochando as cifras por debaixo das variacións dos prezos, e iso é un xogo de trileiros. Non se poden comparar os Orzamentos de 2020 cos de 2009 en termos nominais, que é o que el fai. Non é certo que o gasto público en Galicia en 2020 recupere os niveis previos á crise, porque en economía para comparar variables hai que facelo en termos reais e valores comparables, e para iso hai que descontar a inflación. Facendo este exercicio, vemos que o gasto para 2020 está 2.000 millóns de euros por debaixo do que había antes da recesión, dos cales o 80% corresponden a sanidade, educación e políticas de emprego”, engadiu.

Os datos, polo tanto, amosan que en sanidade e educación faltan 900 millóns de euros para ter, en termos reais, a mesma dotación que antes da recesión, e refutan os argumentos esgrimidos pola Xunta de Galicia, segundo os cales estes Orzamentos reflectirían máis gasto social ca nunca. “A resignación ante facer un Orzamento expansivo ten que ver co prexuízo ideolóxico neoliberal que impregna o Goberno do Partido Popular, porque non é un problema de falta recursos, senón de cantos xestiona o sector público. Hoxe, o nivel de riqueza xestionado pola Xunta sitúase en 3,5 puntos do PIB menos que antes da crise”, expuxo Manuel Lago. Estes 3,5 puntos equivalen a 2.400 millóns de euros menos nos que se encolleu o peso do público na economía galega.

“O Partido Popular de Galicia acata a disciplina reaccionaria en termos impositivos do Partido Popular estatal. Casado anunciou que ía suprimir o Imposto de Patrimonio e o Imposto de Sucesións, e a Xunta faino na práctica, xa que elevar a base mínima do Imposto de Sucesións a un millón de euros exclúe a practicamente todo o mundo do pago deste imposto. Ademais, o que non explica é que unha persoa cunha familia en bens gananciais, que son o 95% no noso país, pode herdar ata 2 millóns de euros entre o pai e a nai, ademais da vivenda habitual, e pagar o mesmo que unha persoa que herde 15.000 euros”, explicou o voceiro do Grupo Común da Esquerda. “Isto incumpre o principio de equidade do sistema fiscal e que cada quen aporte segundo a súa riqueza”, agregou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.