Manuel Lago: “O Goberno de Feijóo o peor goberno da historia de Galicia dende que recuperamos a democracia, tamén na economía“

O balance das Administracións do presidente Núñez Feijóo é demoledor en termos económicos, de emprego, benestar e protección social é demoledor“.
Publicado por o día 07/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Manuel Lago: “O Goberno de Feijóo o peor goberno da historia de Galicia dende que recuperamos a democracia, tamén na economía“

Esta mañá tivo lugar a presentación dos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano na Comisión 3º do Parlamento de Galicia. O deputado de En Marea responsable da área económica, Manuel Lago, comezou a súa intervención desmentindo o discurso propagandístico do Goberno Feijóo cando afirma que a volta a taxas positivas de variación do PIB é pola política económica aplicada polo PP senón que é todo o contrario, “foi a política neoliberal de recortes no gasto público e desvalorización salarial a responsable de que a crise fora tan longa e tivera efectos tan duros. “Como ocorreu nos últimos 60 anos das economías española e galega ou como demostra o que sucedeu nos EUA ou no Reino Unido, a recesión non debería estenderse máis alá dos 18 meses. Foi a política económica imposta pola Troika e aplicada pola dereita en España e en Galicia a que prolongou innecesariamente o sufrimento da maioría social. Non foi un erro, foi algo premeditado“ afirmou Manuel Lago.

Lago asegurou que a “sociedade galega está na zona cero da crise social“ mentres a economía galega fai por saír da recesión. “Cos niveis de precariedade, desemprego e desigualdade actuais teimar en que saímos da crise é un fraude, unha estaba e unha irresponsabilidade“ afirmou. Deste xeito, salientou que “Galicia é na actualidade un país máis inxusto, máis desigual, empobrecido, con menos protección social, con dereitos laborais máis febles, con peores servizos públicos, con menos emprego, con salarios devaluados e maior precariedade que a Galicia de 2008“.

O balance Feijóo o convirte no “peor de toda a historia do noso autogoberno, demoledor en termos económicos, de emprego, benestar e protección socia“. Isto fai do “Goberno de Feijóo o peor goberno da historia de Galicia dende que recuperamos a democracia, tamén na economía“. De sete anos de goberno de Feijóo, a economía galega estivo catro en recesión e dous en estancamento, algo que non ocorrera nunca desde que existen estatísticas. A maiores mentres que a recesión foi máis intensa en Galicia, cunha caída dun punto máis que a media, a recuperación pola contra está sendo máis feble, é dicir, caemos máis e agora medramos menos.

No relativo ao emprego, Galicia é a comunidade coa peor evolución de todo o Estado cunha destrución de emprego que multiplica case por 3 a media. No desemprego os datos son aínda peores xa que “no conxunto do Estado medrou o 4,8 por cento desde 2009, en Galicia o 28,3 por cento, case seis veces máis. Así estamos ante tres lexislaturas perdidas para o emprego, doce anos para volver a casiña de saída.

E pese aos recortes, nos mandatos de Núñez Feijóo, a débeda pública de Galicia aumentou 2,5 veces máis que cos catro presidentes anteriores nos 27 anos de autonomía. “Tiñamos unha débeda de 3.922 millóns de euros no 2009 de débeda, o último dato do Banco de España di que é xa de 10.641 millóns de euros, un millón de euros de débeda por ano. É aínda máis grave. A Xunta acumula débedas con empresas contraída baixo a fórmula de colaboración pública / privada. As contas claras. A Xunta suma 13.675 millóns de euros de débeda. Un incremento do 350%  respecto a 2009. Esta é a fabulosa marca do bo xestor Núñez Feijóo.

Neste marco é no que hai que analizar o Orzamento de 2017. A austeridade non é expansiva, conduce á desaceleración. O cadro macroeconómico no que se basea o orzamento 2017 sinala un escenario moi preocupante. O Goberno galego asume que se vai producir unha forte desaceleración. A Xunta estima que o PIB vai medrar o 2,4 por cento en 2017, unha intensa desaceleración comparada co 3,2% (IGE). Segundo a Xunta, a economía galega medraría ao redor do 1,5 por cento no último trimestre de 2017, menos da metade que en 2016. Fin da fase expansiva cando acaba de comezar. Volvemos ao crecemento débil,  antesala de recaer no estancamento en 2018. “A previsión do Goberno supón o recoñecemento explícito da falta de consistencia da actual fase alcista“ salientou Manuel Lago que engadiu que demostra tamén a falsidade do discurso do Goberno. “Non foron son recortes e a devaluación salarial os que explican a volta a taxas positivas do PIB; ao contrario, a política de austeridade prorrógaa, faina máis longa e máis dura. Sometemento á austeridade e devaluación interna. Dúas estratexias económicas erradas para saír da crise. Dous camiños errados que ademais provocan maior desigualdade e exclusión social“ declarou o deputado de En Marea. Así o incremento do orzamento de 2017 é absolutamente insuficiente. Falta orzamento e sobra triunfalismo. Mesmo nun escenario de improbable recuperación, este orzamento sería insuficiente.

A pesar destas evidencias, o orzamento 2017 instálase na política errada, no axuste e nos recortes, o ADN económico do Partido Popular, que é o que levan facendo dende 2009. “Hoxe veñen a presumir dun incremento nos orzamentos de 259 millóns de euros, pois ben, a ese ritmo haberá que esperar ata 2027 para volver aos valores nominais de gasto de 2009, e non será ata o 2031 que se produza a recuperación do nivel de gasto en termos reais“ explicou Manuel Lago.

Na súa segunda intervención o deputado Manuel Lago, presentou o modelo de En Marea que fronte a este modelo neoliberal, aposta por un modelo de crecemento inclusivo que non deixe a ninguén á marxe e polo tanto máis xusto e sólido. Fronte ao modelo da devaluación salarial como factor de competencia a nosa proposta é o impulso da demanda. “Temos dereito a vivir mellor, a ter empregos estables con salarios decentes como a norma  e non a excepción, a recuperar os niveis de calidade dos servizos públicos, a ter unha mellor protección social para pensionistas,  persoas desempregadas ou dependentes, a reducir a pobreza e a desigualdade, a dispor dunha rede de protección publica que acabe cos desafiuzamentos ou a pobreza enerxética. Por iso fan falla outros Orzamentos que son posibles e necesarios“ defendeu Lago.

A Xunta ten que deixar atrás a estratexia de contracción do gasto e mudar cara unha política expansiva que sirva para impulsar o crecemento económico e sobre todo empezar a paliar o empobrecemento colectivo e a extensión da precariedade. É imprescindible impulsar un cambio da política fiscal, de deixar atrás a austeridade extrema e avanzar en políticas expansivas.

En Marea defende un incremento do teito de gasto en 750 millóns de euros que, ademais de necesario, é posible. Necesario para financiar unha serie de programas e propostas de urxencia para combater as consecuencias negativas provocadas pola gran recesión e a solucións ultraliberais aplicadas. É posible facelo. Pódese financiar cun crecemento dos ingresos que ten vir dunha axeitada estimación dos anticipos a conta sistema do financiamento, dun reparto proporcional do obxectivo de déficit, da loita decidida contra a fraude fiscal e un cambio fiscal que aumente a aportación das rendas máis altas e recupere a capacidade recadatoria das figuras tributarias que gravan a riqueza. Medidas que deberían ir acompañadas por unha redución dos gastos vinculados o servizo da débeda, tanto a bancaria como a derivada dos contratos publico/privados.

Máis recursos que se necesitan para abordar intervencións prioritarias. En concreto, En Marea propón dedicar os 750 millóns de novos recursos a empezar a desenvolver unha renda social contra a pobreza extrema, un programa contra a pobreza enerxética e unha acción decidida contra os desafiuzamentos. Dotar dos recursos necesarios para levar a diante unha ambiciosa política de emprego, recuperar o nivel de axudas á dependencia, a gratuidade dos libros de texto e comezar o camiño para volver aos niveis de emprego perdidos na sanidade, na educación e nas políticas sociais.

O deputado de En Marea, Manuel Lago, asegurou tamén que estes orzamentos son tamén os da renuncia da Xunta de Núñez Feijóo a ter unha política fiscal activa que procure aumentar a capacidade e a autonomía financeira; actitude falta de ambición e irresponsable que nos condena aos recortes e ao endebedamento.

“A Xunta ten que ter unha posición política firme diante do Goberno central. Hai que ser insubmisos ante os recortes. Non se poden aceptar as estimacións á baixa dos anticipos a conta. Nin asumir, tampouco, a incoherencia entre o aumento da recadación e o dos seus propios ingresos“ destacou Lago.

A Xunta dispón dunha ampla capacidade fiscal, tanto nos impostos que ten totalmente transferidos coma naqueles en que a recadación é compartida, ou nos que pode actuar sobre o tramo autonómico das tarifas. Porén, en todos os anos que levamos de autogoberno a Xunta practicamente non utilizou esta posibilidade para obter máis ingresos. As súas políticas foron na dirección oposta: rebaixar a carga fiscal, en especial para os niveis de renda máis altos. Se non aumentan os ingresos correntes só queda a alternativa de elixir entre a redución do gasto público ou recorrer cada vez máis ó endebedamento.

Por todo isto, a Xunta ten que defender, no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, unha profunda e radical reforma fiscal para o conxunto do Estado que lle devolva ao sistema a suficiencia e a equidade que perdeu nestes últimos anos. Isto supón, por unha banda, a modificación de tipos ou deducións, a recuperación de figuras impositivas eliminadas, a creación de novos impostos e a loita radical contra a fraude fiscal. Máis ala da necesaria modificación do actual modelo de financiamento autonómico que vai ser abordado de xeito inmediato, propoñemos 6 liñas de actuación inmediata, que se poden aplicar xa para 2017:

  1. Realizar unha estimación rigorosa dos ingresos para 2017 .
  2. Esgotar ata o límite o reparto de déficit aprobado no Consello de Política Fiscal e Financeira.
  3. Revisar en detalle a política de beneficios fiscais para minoralos de forma selectiva e ponderada.
  4. Utilizar o autogoberno, para aumentar os ingresos.
  5. Reforzamento do Plan de Inspección e Loita contra a Fraude Fiscal.
  6. Defender unha modificación inmediata do Fondo de Cooperación Interterritorial

O proxecto de orzamentos para 2017 e restritivo e, polo tanto, continua a senda do axuste e os recortes o que unido o esgotamento dos factores externos vai provocar unha intensa desaceleración do crecemento económico,  que a finais de 2017 estará por baixo da metade do de 2016.

Un orzamento que reduce en termos reais os recursos dedicados os servizos públicos, as prestacións, a protección social e a capitalización do pais. Fronte a resignación, os recortes e o axuste permanente nos demandamos e nos comprometemos cunha posición ambiciosa da Xunta de Galicia co obxectivo de incrementar o orzamento en 750 millóns de euros, mellorando os ingresos co obxectivo de financiar unha política económica que impulse o crecemento, o transforme desenvolvemento económico e social, baseado na economía produtiva, que traslade a maior riqueza o benestar da cidadanía combatido a desigualdade, a precariedade, a pobreza e a exclusión.

“O que hoxe se nos presentou é un orzamento inútil para a recuperación do país e da cidadanía. E por iso, En Marea o rexeita“ concluíu Manuel Lago.