Manuel Lago: “O paro medrou 16 veces máis en Galicia que no conxunto do Estado“

Os últimos datos publicados polo INE reflicten que 6 de cada 10 dos empregos destruídos no último trimestre en todo o Estado foi dun traballador ou traballadora galega.
Publicado por o día 27/04/2017 na sección de Emprego,En Marea,Política,Vigo

Manuel Lago: “O paro medrou 16 veces máis en Galicia que no conxunto do Estado“

En Marea considera que os últimos datos coñecidos da Instituto Nacional de Estatística sobre o desemprego son “moi preocupantes para Galicia e demoledores para a acción do Goberno“. No conxunto do Estado incrementase a destrución de emprego e cifras do paro o que demostra a debilidade da recuperación  e a dependencia do mercado de traballo de Galicia e de España da estacionalidade. Neste contexto, o deputado de En Marea, Manuel Lago, salientou a situación de Galicia que presenta os peores datos de todo o Estado durante este trimestre cuns datos enormemente preocupantes.

Así mentres no conxunto do Estado perdéronse 44.600 empregos (-0,3 por cento), Galicia perdeu 24.100 (-2,9 por cento), o que significa que a metade de todo o emprego asalariado destruído en España tivo lugar en Galicia. Case 6 de cada 10 dos empregos destruídos no último trimestre estaba ocupado por un galego ou unha galega. As cifras do paro deixan un panorama igualmente desolador. De todo o Estado o paro estimado pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) estima un incremento de 17.200 persoas (0,4 por cento), dos que 13.000 son galegos e galegas. Isto é que o 75 por cento de todo o incremento do desemprego en España corresponde a persoas que viven e traballan en Galicia. É dicir, 3 de cada 4 novos parados en España son de Galicia. “O paro medrou 16 veces máis en Galicia que no conxunto do Estado“ afirmou Manuel Lago.

Reforza unha situación de dramatismo social. A EPA di que hai 74.000 fogares (nas que viven 150.000 persoas) con todos os seus membros en idade de traballar en desemprego. E 37.000 fogares nos que non existe ningún ingreso laboral, nin salario, nin pensión nin prestación por desemprego.

Os datos publicados permiten como destacou Manuel Lago botar unha ollada de longo percorrido aos 8 anos de Goberno Feijóo que deixan no primeiro trimestre de 2017 deixa 103.500 ocupados menos que cando chegou, 56.000 parados máis e se non hai máis parados é porque a poboación activa nestes anos tivo unha redución de 80.000 persoas.

“A Xunta ten que reaccionar antes estes datos enormemente negativos e decatarse de que esta suposta recuperación non se está a trasladar ao mercado laboral que seguimos vivindo na precariedade laboral pero sobre todo que Galicia ten os peores datos de todo o Estado“ concluíu Lago.

Sen proxecto para acabar coa dramática situación do desemprego no rural

Na comisión de Agricultura desta mañá, En Marea preguntou precisamente ao Goberno galego polas accións que estaba a impulsar para loitar contra as dramáticas cifras do paro tamén no sector agrario e que como destacou a deputada Paula Quinteiro é un dos grandes problemas que están a afectar ao noso rural. Nos anos  2014 e 2015 o número de ocupados na agricultura caeu case un 20 por cento e no que respecta ás tendencias a medio prazo, no período 1985-2015, a poboación ocupada agraria reduciuse en Galicia nun 89 por cento, mentres que en España só o fixo nun 61,5 por cento. E o contraste é máis acusado nos anos recentes onde no cuadrienio 2012-2015 o descenso limitouse na agricultura española ao 0,7 por cento anual, mentres que na Galiza alcanzou o 8,4 por cento.“De seguir a actual tendencia asistiremos ao total despoboamento de amplas áreas do interior galego“ advertiu Quinteiro.

Estes datos demostran que as políticas de reequilibrio territorial e apoio ao rural desenvolvidas ata agora foron insuficientes en acadar resultados. O ordenamento harmónico do territorio segue a ser unha tarefa pendente da Xunta.

En Marea defendeu en comisión que Galicia necesita un plan de acción decidido para reverter esta situación. “Hai que facer un diagnóstico serio e pormenorizado do devalo demográfico e da perda de poboación activa no sector agrario para poder tomar medidas“ salientou Paula Quinteiro.

Ante a resposta baleira de datos concretos de medidas a impulsar, Paula Quinteiro lamentou que a Xunta de Galicia non teña un proxecto a medio-longo prazo e nin conte con ningún tipo de medidas innovadoras para reverter a dramática situación na que se atopa o rural galego.