Manuel Lago renuncia á súa acta de deputado para incorporarse ao Gabinete do Ministerio de Traballo

Comunicarao á Presidencia do Parlamento ao longo desta mañá
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Manuel Lago renuncia á súa acta de deputado para incorporarse ao Gabinete do Ministerio de Traballo

Esta mañá Manuel Lago formalizará a súa renuncia á acta de deputado do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, comunicándoo á Presidencia do propio Parlamento. Lago redactou unha carta a modo de comunicado para a prensa para anunciar a súa marcha:

COMUNICADO DE PRENSA DE MANUEL LAGO

No día de hoxe vou comunicar á Presidencia do Parlamento a miña renuncia á acta de deputado no Parlamento de Galicia. A razón é coñecida, vou incorporarme ao Gabinete do Ministerio de Traballo e Economía Social. Remata para min un período intenso e enriquecedor, no que tiven a honra de formar parte da Cámara na que reside a soberanía do pobo galego. É unha honra que nunca esquecerei, e pola que sempre lle estarei agradecido ás persoas que me elixiron nas primarias para formar parte da candidatura de Unidade Popular, e ás que logo converteron a nosa candidatura na forza máis votada na esquerda. Este agradecemento fágoo extensivo a todas as persoas que traballan no Pazo do Hórreo e que axudan co seu bo facer a que o traballo parlamentario sexa máis fácil. Mudo de lugar, pero non de obxectivo: acadar un cambio político e social no noso país que mellore o benestar da cidadanía. A pesadume que sinto por deixar o Parlamento só se compensa pola ilusión de traballar no primeiro Goberno de coalición de esquerdas na recente historia democrática de España. Galicia ten que deixar atrás a década perdida para o benestar que se iniciou en 2009. A formación do Goberno de coalición no Estado demostra que si se pode articular maiorías a través da alianza das forzas da esquerda. O que sucedeu agora en España, sucederá nos próximos meses en Galicia.

Manuel Lago

Comentar noticia

Your email address will not be published.