Manuel Lago: “A Xunta calculou á baixa os ingresos de financiamento autonómico como un instrumento bastardo para continuar cos recortes en 2017”

O deputado de En Marea augurou que “máis pronto que tarde será o PP o que traia a esta Cámara unha modificación dos orzamentos da Xunta” por estaren constituídos sobre hipóteses erradas.
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Manuel Lago: “A Xunta calculou á baixa os ingresos de financiamento autonómico como un instrumento bastardo para continuar cos recortes en 2017”

“O meu grupo non está dacordo cos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2017, por consideralos antisociais, inxustos, restritivos, ineficientes, mal formulados e construídos sobre hipóteses erróneas”. Así comezou o deputado Manuel Lago o posicionamento de En Marea non debate de toma en consideración da Proposición de Lei dos Orzamentos da Xunta para 2017.

“O que levamos de 2017 vén a confirmar o que diciamos cando o grupo popular aprobou en solitario o orzamento, que eran orzamentos que continuaban a senda do axuste, dos recortes e da austeridade”, lembrou Lago, para quen as contas da Xunta para este ano “están construídas sobre previsións de inflación ou anticipos á carta profundamente equivocadas”.

En primeiro lugar porque conxelaron as retribucións das empregadas e empregados públicos que en canto se aproben os orzamentos do Estado terá que ser revisado para trasladar un incremento salarial do 1%. “Por certo, un incremento moi por baixo do IPC, polo que as persoas que traballan para o sector público van sufrir a maior perda de poder adquisitivo dende o ano 2010”, denunciou o parlamentario de En Marea.

Ademais, os Orzamentos Xerais do Estado por entregas á conta do sistema de financiamento autonómico confirman as previsións de En Marea, que xa anunciou que era incogruente estimar un incremento do 1% cando as previsións do goberno central eran dun crecemento do PIB do 4% e do 7% na recadación fiscal. Onde a Xunta dixo 79 millóns as cifras do Estado falan de arredor de 350 millóns de euros. “Non é que o Conselleiro se equivocase, é que esta fórmula foi empregada pola Xunta como un instrumento bastardo para impor os recortes a través dun teito de gasto que actúa como unha lei de ferro sobre o gasto público, tanto en servizos como en prestacións”.

Finalmente, a previsión de inflación evoluciona de forma radicalmente diferente á prevista, pois foi calculada nun 1,2% e xa levamos cinco meses co IPC moi cerca do 3%. “Por iso, se non hai rectificación nos gastos, o resultado será a profundización nas políticas de recortes en sanidade, educación e infraestruturas” concluíu Manuel Lago, que se amosou convencido de que máis pronto ca tarde será o PP quen traia a esta Cámara unha modificación dos orzamentos da Xunta”.