Manuel Santos fai un balance “moi positivo” da xestión económica do Concello de Marín, que incrementou as inversións sen subir impostos e taxas

Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,Marín

O pasado Pleno Municipal celebrado no Concello aprobou a Conta Xeral do 2019, un ano, tal e como aclara o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, cuxa conta de resultados mostra “unha moi boa xestión económica ao longo deste tempo”.

Tratouse dun ano cunha execución do Orzamento moi importante, no que se solicitou a xeración de crédito con cargo ao remanente de Tesourería, o que redundou na posibilidade de executar un gran número de pequenas obras e de melloras en servizos, que supuxeron inversións importantes para mellorar a calidade de vida dos veciños de Marín.

Tal e como indica o concelleiro Santos, a pesar de conseguir sacar adiante todas estas obras necesarias para a cidadanía, o Concello pechou 2019 cumprindo co teito de gasto e coa regra de endebedamento”. Isto supón que o Concello non ten ningún compromiso de préstamo con ningunha entidade financeira e que está saneado no que son os pagos aos provedores.

A isto súmase que no 2019 se conseguiu ter un remanente de 2.600.000 euros, “que agora temos dispoñibles para seguir realizando importantes inversións e seguir mellorando a nosa vila”, asegurou Santos.

Este importe, tal e como indica o edil, podería ser maior se outras administracións ingresasen nese ano importes de inversións e subvencións que quedaron pendentes e que se ingresaron posteriormente, ao longo do ano 2020, e que precisamente produciron o déficit que se detecta na Conta Xeral.

Santos fai unha valoración “moi positiva” da xestión municipal, ao partir sempre “do mesmo orzamento e, sen embargo, aumentar os salarios do persoal do Concello, os servizos que se prestan e as inversións que se executan”.

Estas subidas, incide o tenente alcalde, fanse “sen subir as taxas e os impostos municipais, conxelados desde hai moitos anos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.