Manuel Sendón inaugura ‘Crebas’, un diálogo fotográfico cos fondos do Museo do Mar

A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 31 de xaneiro
Publicado por o día 04/12/2020 na sección de Eventos,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo,Xunta de Galicia

Manuel Sendón inaugura ‘Crebas’, un diálogo fotográfico cos fondos do Museo do Mar

Ao longo da historia, son moitos os relatos artísticos e literarios que versan sobre obxectos arrastrados polo mar ata a costa. Neste contexto, o profesor do Departamento de Pintura Manuel Sendón inaugurou esta semana Crebas, unha mostra individual na que amosa a súa visión persoal arredor deses restos atopados e que pode visitarse no Museo do Mar ata o vindeiro 31 de xaneiro.

Crebas é unha serie fotográfica realizada entre os anos 2007 e 2020 nun areal da Costa da Morte, a praia do Rostro. Aínda que é un traballo presentado con anterioridade en espazos de toda a comunidade galega, a proposta do Museo do Mar, con trinta fotografías de gran formato e un políptico de sesenta máis pequenas, contén imaxes inéditas.

Un dos intereses da mostra radica na conversa que xorde entre as obras, o marco paisaxístico onde se atopa o edificio e os seus fondos antropolóxicos e etnográficos, centrados na evolución da industria da pesca galega. Dalgún xeito, cos seus retratos de redes, pecios e ferros atopados na area, a proposta de Sendón complementa a sección que o Museo do Mar destina á historia dos naufraxios en Galicia, achegando unha visión máis subxectiva. O propio autor afirma que esta institución lle parece “o lugar máis axeitado para expoñer o proxecto”.

Unha aproximación ao imaxinario marítimo da Costa da Morte

Sobre a súa vinculación coa Costa da Morte, Manuel Sendón explica que de pequeno visitaba a comarca todos os anos e hai dúas décadas adquiriu alí unha pequena casa, o seu lugar de referencia. Aínda que vive en Vigo desde os setenta, imparte clases de Proxectos fotográficos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e viaxou por toda a comunidade galega, di que “o territorio que sempre estivo presente nese periplo foi a ría de Corcubión”.

Segundo Sendón, “as características físicas e meteorolóxicas deste espazo deron lugar a sucesos sorprendentes”, como o naufraxio do Prestige, co que se xeraron “paisaxes apocalípticas”, e do Silva Gouveia que, varado en 1927, emerxe cada poucos anos na praia do Rostro. “Alí ten aparecido de todo”, comenta o fotógrafo, “desde fotocopiadoras ata un montón de cestiños para cans e gatos de moitas cores, o que parecía máis unha instalación artística que un accidente”. Aínda que as imaxes que compoñen esta obra retratan diferentes elementos devoltos polo mar, a finalidade da serie non é documentar nin describir as crebas, xa que o autor considera que “hai cousas moito máis profundas e interesantes” e quere afastarse dos tópicos e das representacións pintorescas da Costa da Morte.

Pola contra, Manuel Sendón asegura que a súa intención é suxerir, invitar ao público a imaxinar, lograr que “as imaxes funcionen como unha plataforma de engalaxe”. Unha das ferramentas empregadas polo artista para conseguir os seus obxectivos é o xogo coas dimensións dos pecios, co que os descontextualiza e as espectadoras e espectadores teñen que decidir se o que ven é xigante ou diminuto.

Un oasis nun panorama artístico desolador

A apertura de Crebas, restrinxida pola actual situación sanitaria, tivo lugar onte xoves e contou coa participación de Xosé Manuel Buxán, decano da Facultade de Belas Artes, Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais.

Sobre a situación da arte antes e despois da pandemia, Sendón conta cunha percepción precavida e comenta que “a cousa non pinta nada ben” e que “sería necesaria unha preocupación institucional pola cultura”. Porén, o docente sinala o positivo da realización desta exposición, sobre todo nunha cidade onde “non hai moitos espazos para expoñer porque a situación municipal coa cultura é dramática”.

Neste senso, o fotógrafo valora positivamente as Axudas propias a grupos, centros de investigación e agrupacións impulsadas pola Universidade de Vigo que, “aínda que modestas, axudan a realizar estes proxectos”. Considera a consecución deste financiamento e a construción da exposición como “unha despedida da Universidade” no ano no que se xubila.

A de Manuel Sendón é, xunto a Identidades latentes, a segunda inauguración dun proxecto expositivo con participantes vinculadas á Universidade de Vigo que se organiza no Museo do Mar, polo que este espazo cultural vigués está a ser un dos máis activos nestes tempos de pandemia. Crebas poderase visitar no Museo do Mar de Galicia ata o 31 de xaneiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.