Manuela Alfaro: “hai que saber que expoñer, como e por que”

Os trece comisarios e comisarias da mostra ‘A beleza oculta’ inauguraron esta tarde a mostra e explicaron o proceso de análise e selección realizado nesta proposta expositiva
Por o 16/02/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
Manuela Alfaro: “hai que saber que expoñer, como e por que”

“Hai que saber que expoñer, como e por que. Hai que coñecer as obras e os artistas, reflexionar, debater, votar as ideas e atopar as solucións. Experimentar coma nun laboratorio e expresar o que nos fan sentir as obras de arte” afirmou Manuela Alfaro, unha das comisarias da mostra ‘A beleza oculta’ durante o acto de inauguración desta tarde. Os 13 rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos participantes no programa ‘Somos do Sexto’ que deu como resultado esta mostra, estiveron presentes neste acto, acompañados das integrantes de Taller Abierto, Marta Guirado Aramburu, Ana Barreiro Blanco e África Martínez Barreiro, das responsables do gabinete didáctico do Museo, Paula Tilve e Lourdes Parada, do director do Museo, Carlos Valle, e do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Na quenda de intervencións, outra das comisarias, Nuria García explicou que “neste proxecto aprendemos que o proceso importa tanto como o resultado, e que traballar en equipo non suma, senón que multiplica”. Un aspecto ao que tamén se referiu Clara Prado asegurando que “facer unha exposición non é fácil pero si divertido” e puxo o acento en que eles e elas mesmas foron as que “deseñamos as salas, pensamos as instalacións, o cartel e os textos”. Ademais da exposición en si, os comisarios tamén se referiron ao proceso e á experiencia que viviron no transcurso do programa. Así, Pablo Paz indicou que “aprendemos que un museo serve para conservar bens e transmitir coñecemento, e que hai moitos tipos de exposicións, segundo o tempo, o espazo e os contidos”. Mentres que Quique Muíños afirmou que “descubrimos que o Museo de Pontevedra é o museo provincial máis grande de España e que sempre que o visitas aprendes algo novo”.

A encargada de abrir a quenda de intervencións foi Manuela Sendín, quen se ocupou de agradecer o apoio do equipo do Museo e da Deputación, mentres que Iria Flavia Mesa foi a última en intervir lembrando que “o obxectivo é facervos reflexionar sobre as obras do Museo desde o noso punto de vista e agardamos que gocedes visitándoa tanto coma nós facéndoa”.  Ademais destes sete comisarios e comisarias que interviron no acto inaugural, o equipo curatorial complétase con Antía González Arias, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González,  Nicolás Rozas Martínez, e  Pelayo Mesa Zaldívar.

A beleza oculta

“Demos moitas voltas para chegar á Beleza Oculta. Recuamos, collemos camiños diverxentes e insólitos e tomamos decisións non sempre unánimes, pero nas que se mantivo o espírito de equipo, ata que eles decidiron que o seu discurso comisarial xirase arredor da beleza. Da beleza non explícita, a que está máis aló do que percibimos, ou a que estivo e xa non está. ” Así explicou Marta Guirado o cerne da exposición que vén de abrir as súas portas. A integrante de Taller Abierto, colectivo que coordinou todo o programa, asegurou que “foi unha viaxe proveitosa e inesquecible, porque as persoas de corta idade sempre sorprenden coa súa capacidade para conceptualizar e abstraer”. Por último tamén indicou que “a proposta que nos fan busca que sexades visitantes activos, buscar provocarvos dúbidas, suscitar a vosa reflexión e que xoguedes coas vosas emocións”.

‘A beleza oculta’ está composta, finalmente, por 19 pezas, todas pictóricas e procedentes da colección permanente do Sexto Edificio, que recollen estilos e épocas moi diversas. Destas 19 pezas, unha delas inclúese a través dun formato audiovisual . En orde cronolóxica, dos séculos XVII, XVIII e XIX  foron escollidas as obras “Anciá sentada” atribuído a Antonio Puga (1602-1648), “Retrato de Cabaleiro” de José Guitiérrez de la Vega (1791-1865), “Amencer na serra” de Carlos de Haes (1826-1898), “O Sena xunto a Notre Dame” de Santiago Rusiñol i Prats (1893-1894), e “Ribeiras verdes” de Ovidio Murguía de Castro (1898). Da primeira metade do século XX seleccionaron “A viúva” de Jenaro  Carrero Fernández (1900),  “Viúvas de náufragos” de Jesús Rodríguez Corredoyra (1914), “Retrato feminino” de Aurelio Arteta y Errasti (Ca. 1915), “Automóbil na noite” de Mariano Barbasán Lagueruela (Ca.1915), “Baile en Palacio” de Alejandro Ferrant Fischermans (Ca. 1915), e “O Berbés” de Manuel Torres (1930). Da segunda metade do século XX a selección inclúe “Máscaras africanas” de Arturo Souto Feijoo (1957), “O espanto” de José Otero Abeledo (Laxeiro) (Ca. 1962), “Homenaxe a Velázquez. A Venus do Espello” de Ramón Gaya Pomés (1966), “Rouge à relief oblique dominat” de Leopoldo Nóvoa (1970), “Campesiñas parolando” de Luis Seoane (1975), “Campesiñas parolando” de Luis Seoane (1975), “Desguace” de Manuel Armburu (1975), “Paisaxe de Cereceda” de Agustín Redondela (1980), “Paisaxe Montañosa” de Antonio Lago Rivera (1982).

O programa ‘Somos do Sexto’, que comezara o pasado mes de outubro, supuxo a primeira iniciativa destas característica que acolle o Museo de Pontevedra. A exposición que, tal e como estaba previsto, foi incluída no programa de exposicións temporais do ano 2018 do Museo, permanecerá aberta ata o 18 de marzo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.